VIGO 7 Jul. (EUROPA PRESS) -
O Concello de Vigo activou a situación de prealerta por seca, e adoptou medidas de restrición do uso de auga, como a suspensión de baldeos, limitación de regas, peche de fontes ornamentais ou duchas de praia, á vez que pediu facer un uso responsable deste ben básico.
Así o trasladou, en declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico, Abel Caballero, que sinalou que, a día de hoxe, o encoro de Eiras, principal fonte de subministración da cidade e a súa área, está ao 86,7% da súa capacidade, por baixo da auga embalsada na mesma data dos últimos anos (excepto o 2011, en que a seca foi máis acusada).
Con eses datos, explicou, a presa ten "auga para cinco meses, apurando ao límite as reservas dispoñibles", e activouse o 'comité de seca' para facer seguimento da situación. Así mesmo, actívanse medidas restritivas relativas ao uso de auga por parte do Concello (suspensión de baldeos, limitación da rega, peche de fontes sen circuíto pechado, peche de duchas de praia, etc.) e prohíbese o enchido de piscinas ou lavado de coches fóra dos establecementos autorizados.
Igualmente, explicou Caballero, reforzaranse as medidas de seguimento da rede e das perdas ou fugas, unha cuestión que xa desde o Concello "vixíase moito".
O alcalde sinalou que se dirixirá aos concellos da área que se abastecen de Eiras para pedirlles que tamén tomen medidas preventivas, e pediu a Augas de Galicia que reduza "lixeiramente" o caudal ecolóxico da presa.
INVESTIMENTOS
Caballero puxo en valor os investimentos do Concello no ciclo da auga e subliñou que "practicamente non hai fugas" na rede. Ademais, construíuse unha nova potabilizadora cun custo duns 23 millóns de euros "pagada na súa totalidade polo Concello de Vigo", a pesar de que dá servizo tamén a outros municipios.
Após incidir en que a Xunta "achegou cero euros" para esa infraestrutura hidráulica, sinalou que o goberno municipal recibiu fondos europeos a través do Goberno de España para facer a potabilizadora.
Así mesmo, criticou á administración autonómica por non acceder á construción doutra presa augas arriba no río Oitavén. "Hai moita auga, pero non se garda", proclamou o alcalde olívico, que asegurou que ese novo encoro "non lle molesta a ninguén, e non lle quita a auga a ninguén", ademais de ser "ecoloxicamente impecable".
Finalmente, tamén acusou á Xunta de non responder á solicitude realizada polo Concello para poder usar a auga da depuradora para facer o baldeo das rúas, porque é "auga impoluta e limpa".