Rosa Veiga - Europa Press
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jul. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro de Medio Rural, José González, afirma que "estes incendios teñen un comportamento que nunca se viu en Galicia", "sobre todo nas horas centrais", que fan que "quede fóra de capacidade de extinción" e que "non funcionen as técnicas de extinción".
Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, xustificou a necesidade de diferentes desaloxos nos últimos días nas provincias de Lugo e Ourense ante a "extraordinaria virulencia" dos lumes e o seu "errático" comportamento, con cambios de vento e elevadas temperaturas. "O que era a cabeza convertíase en cola", exemplifica.
No entanto, asegura que se irá "facilitando acceso a aldeas" dos veciños en función de como evolucione a situación. Sinala que o pasado luns houbo "proximidade de chamas" a unha vintena de aldeas de Valdeorras e O Courel. Así, cando os criterios técnicos o permitan, irase deixando volver ás persoas, asegura.
Así mesmo, indica que os traballos realizados a pasada madrugada do martes "están a ser efectivos" con contraincendios e pas, ao que se une unha baixada das temperaturas.
José González defende que "había moitos medios en diferentes incendios", que ían "recolocando continuamente" en función das necesidades. Remarca que agora mesmo o Goberno galego conta con dous postos de mando avanzado no Barco e na Pobra do Brollón.
Preguntado sobre a visita esta tarde de martes do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, á zona de Valdeorras, o conselleiro de Medio Rural explicou que a coordinación entre Xunta e Estado está a funcionar "ben". Sinala que traballan conxuntamente medios aéreos de ambas as administracións, aínda que "en ocasións nin sequera puideron traballar na fronte do lume polo fume".