Daniel Pérez (BNG), investido alcalde de Carballo co compromiso de "recoller o legado que deixa Evencio Ferrero"

Daniel Pérez (BNG), investido alcalde de Carballo
CONCELLO DE CARBALLO
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 11 octubre 2025 14:08

   O avogado laboralista garante que vai continuar "co gran traballo desenvolvido estes anos" nun proxecto de futuro "transformador"

   CARBALLO (A CORUÑA), 11 Oct. (EUROPA PRESS) -

   Daniel Pérez (BNG) foi investido como novo alcalde de Carballo (A Coruña) nun pleno celebrado ao mediodía deste sábado. Substitúe no cargo ao histórico rexedor nacionalista Envencio Ferrero que deixou o bastón de mando após 22 anos como primeiro edil e despois de cumprir os 70 anos.

    Na súa toma da palabra, Pérez dixo que "é unha honra" e un "momento de tremenda emoción", nun discurso no que se comprometeu a "recoller o legado que deixa Evencio Ferrero" após "dedicar 46 anos da súa vida" como concelleiro na corporación "a mellorar a vida dos veciños de Carballo".

    O até agora deputado autonómico e concelleiro de Deportes, o avogado laboralista Daniel Pérez (Coristanco, 1977) é o novo alcalde de Carballo após recibir o apoio de 13 votos, a maioría absoluta coa que conta o Bloque na corporación da capital de Bergantiños na que se realizou unha votación en urna.

   E é que Pérez fixo constantes alusións ao seu predecesor no cargo para afirmar que do "gran capitán" Ferrero aprendeu que "para ser un bo político é imprescindible ser unha boa persona". Asegura que este "non é un cambio", senón que "é unha substitución para continuar co gran traballo desenvolvido estes anos".

    Remarca que gobernará para todos os veciños, non só para os votantes do Bloque, nun proxecto "común" e "integral" para "seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir" e continuar cun modelo "transformador".

   De cara a retos de futuro, Daniel Pérez aposta por "dinamizar" o rural, estender as redes de saneamento ao 100% da poboación, así como avanzar na humanización coa prioridade na seguridade e calidade de vida. Subliña a oportunidade que supoñen os 6,5 millóns de fondos conseguidos do Plan EDIL para ter un novo auditorio, un futuro edificio de entidades sociais e reformar a praza do Concello.

   Igualmente, dixo ter a "man tendida" á oposición e compromete "lealdade institucional" coa Xunta, á que reclama que "debe cumprir cos veciños" co novo centro de saúde, a ampliación do polígono de Bértoa, a circunvalación e a mellora do transporte público.

   "Só escoitando á xente acértase, seino porque tiven ao mellor mestre", asegurou nunha declaración na que reivindicou o "orgullo de ser de Carballo". "Temos todo un futuro por gañar. Viva Carballo!", concluíu.

RENUNCIA DE FERRERO

   O pasado 4 de outubro, Ferrero presentou a súa renuncia voluntaria en pleno municipal convocado despois de ser alcalde desde 2003 e após 46 anos na corporación como concelleira.

    Deniel Pérez López tivo que deixar a súa acta no Parlamento de Galicia converterse en primeiro edil en Carballo, tendo en conta que a lei electoral galega establece a incompatibilidade do cargo de rexedor e o de deputado autonómico.

   Coa saída de Daniel Pérez do Grupo Parlamentario, a seguinte persona que ocupou a lista do BNG pola provincia da Coruña é a militante e educadora social Saleta Chao Rivas.

O PSOE DESÉXALLE "SORTE"

   Ademais, neste pleno tomou posesión Daniel Barreiro Quintáns como novo edil do grupo municipal do Bloque.

    Durante a sesión, a portavoz do PSOE, Mari Carmen Vila, desexou "a mellor das sortes" ao novo alcalde. "O que vai ser bo para esa persona entendemos que será bo para todos os carballeses", dixo.

    En cambio, o portavoz do PP, Rubén Lorenzo, afirmou que "non procede dar parabéns" ao intervir antes de ser investido o novo alcalde, aínda que si felicitou ao novo concelleiro que entra na corporación, Daniel Barreiro.

   Tamén falou Xosé Regueira (BNG) para chancear con que agora hai "dous Danieles para substituír a un único Evencio". Valora que se pecha un capítulo para "abrir outro de ilusión e optimismo" no que Pérez vai manter "o modelo deste municipio".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado