SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, considerou que o debate que arrincará nuns minutos na CRTVG será "clarificador" sobre que o próximo 12 de xullo existen "dúas opcións": ou un "multipartito" ou a continuidade do seu executivo, "preparado para gobernar desde o primeiro instante".
Feijóo foi o último en chegar ás instalacións do ente público en San Marcos, Santiago, que acolle este luns o único debate da campaña entre cabezas de lista coa participación de PPdeG, Marea Galeguista, PSdeG, BNG, Galicia En Común-Anova Mareas, Cidadáns e Vox.
O mandatario autonómico, que aspira ao seu cuarto mandato, apelou a un debate "respectuoso" entre candidatos e "tamén cos cidadáns" e os familiares das vítimas da pandemia, para os que tivo un recordo á súa chegada a San Marcos.
Ademais, incidiu en que confía que o debate deste luns sexa "útil" e sirva para reflectir que, segundo Feijóo, existen "dúas opcións" nestas eleccións: ou ben "un multipartito" ou "un partido maioritario, cun presidente e un goberno unido que goberne desde o primeiro instante".
"Estarei moi orgulloso de poder ofrecerlle aos cidadáns non só os anos de experiencia e a disposición deste período complexo", engadiu o candidato do PPdeG.
"Estou convecido de que no meu caso, o que podo comprometer podereino cumprir", remarcou Núñez Feijóo antes de pechar con que será "un presidente libre para un pobo libre" se así o deciden os galegos o próximo 12 de xullo.