Rosa Veiga - Europa Press
OURENSE 15 Ago. (EUROPA PRESS) -
Galicia rexistrou o maior incendio da súa historia coas 16.000 hectáreas queimadas xa en Chandrexa de Queixa e Vilariño, que son un único lume. A superficie afectada recóllese no último parte facilitado pola Consellería do Medio Rural, que lembra que a situación 2 permanece declarada na provincia de Ourense pola proximidade de lumes a núcleos urbanos.
Nestes momentos están activos un total de once incendios, en concreto os de Agolada-O Sexo, con 300 hectáreas queimadas e o de Toques, con 200, nas provincias de Pontevedra e da Coruña, respectivamente, e ambas tamén con situación 2.
En Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, que tamén se uniron) son 2.500 as hectáreas afectadas; mentres que en Oímbra-A Granxa elévanse xa a 10.000; na Mezquita-A Esculqueira, a 9.000 hectáreas e en Vilardevós-Vilar de Cervos, a 700 hectáreas
En Vilardevós-Moialde son 100; Vilardevós-Fumaces e A Trepa (50), Larouco-Seadur (1.500 hectáreas) e Muxía-Nosa Señora da O (20 hectáreas). Están estabilizados os lumes de Ourense-Seixalbo (100 hectáreas), Montederramo-Paredes (120) e Dozón-O Castro (400 hectáreas)e permanecen controlados A Fonsagrada-Monteseiro (150 hectáreas), Verín-Mourazos (nove hectáreas) e A Estrada- Souto (20).