Interceptados dous pescadores furtivos de salmóns no río Ulla en Vila de Cruces (Pontevedra)

Bens comisados a pescadores furtivos de salmón no río Ulla.
XUNTA
Publicado: viernes, 8 enero 2021 16:43

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Ene. (EUROPA PRESS) -

   Axentes medioambientais da Xunta sorprenderon o mércores, Día de Reis, en Vila de Cruces (Pontevedra) a dous pescadores furtivos de salmón no río Ulla que portaban artes ilegais de pesca e unha escopeta de caza sen documentación.

   Segundo informa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nun comunicado, estes dous individuos foron interceptados cando se dirixían "cara a unha das mellores zonas de reprodución de salmóns" do Ulla, concretamente no lugar de Ollares.

   No momento no que foron localizados, os dous furtivos portaban artes ilegais de pesca --fisgas e trasmallos--, ademais de focos de luz e unha escopeta de caza con postas sen a perceptiva documentación.

   Aínda que estas dúas persoas tentaron fuxir, finalmente os axentes ambientais, pertencentes ao distrito XVI (Deza-Tabeirós), conseguiron interceptalos tras unha persecución.

   Por mor destes feitos, presentáronse tres denuncias na xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra: dous --unha a cada un-- por posesión de artes prohibidas de pesca na zona do río Ulla e outra por tenencia da escopeta sen a documentación correspondente e con cartuchos de munición ilegal.

   Ademais, os axentes comisaron o trasmallo e as tres fisgas, de diferentes tamaños e numerosos dentes, que foron entregados para a súa custodia no servizo provincial de Patrimonio Natural. A arma incautada foi levada ao posto da Garda Civil de Lalín.

    A Xunta destaca que operativos contra o furtivismo como o do pasado mércores, no que se detivo a estes dous individuos, resultan "moi complexos e pouco habituais", xa que é "difícil" sorprender 'in situ' aos infractores. Así mesmo, a Administración autonómica subliña que a importancia desta operación é "aínda maior" pola zona na que se produciu, xa que o salmón atlántico percorre miles de quilómetros para reproducirse no río onde naceu e a supervivencia destas poboacións depende do éxito desta viaxe.