Jordi Sevilla asegura que a "maior anormalidade política" de España é que PP e PSOE non sexan capaces de pactar "nada"

Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 13 febrero 2026 21:47

   Cre que "algo falla" no Goberno cando aumentan as familias con dificultades mentres crecen os beneficios do Ibex 35

   RIBADEO (LUGO), 13 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O exministro e expresidente de Rede Eléctrica, o socialista Jordi Sevilla, asegurou que a "maior anormalidade política" que ten o Estado español é que "os dous grandes partidos, o PP e o SPOE", "non sexan capaces de sentar a falar, pactar e negociar nada".

   Así o trasladou este venres durante a súa participación no Foro Sargadelos en Ribadeo (Lugo), onde asegurou que hai cuestións que "só se resolven en común" como pode ser o da vivenda. "Pongámonos de acordo, fagamos unha lei excepcional e durante tres anos habilitemos un sistema especial, urxente e rápido" para construír vivenda, trasladou para soster que o problema da vivenda "ten solución" pero esixe que se poñan de acordo Goberno central, comunidades e concellos. "É dicir, en termos políticos, PP e PSOE", sinalou.

   Isto, aínda que sinalou que non todos teñen que estar de acordo, permitiría demostrar que "a democracia é útil para resolver os problemas" e frear "ese afán antisistema" e a marcha dos mozos cara a Vox.

   "Se eu fose mozo, home, non se se votaría a Vox ou a Podemos, dáme o mesmo, pero que me ofrecen os partidos do sistema? Hostias no Parlamento, insultos permanentes e ningún acordo. É dicir, ningunha solución aos meus problemas", censurou o exministro que recentemente publicou un manifesto no que pide un "cambio de rumbo político" no PSOE, ao que culpa do auxe da extrema dereita.

   Na súa intervención no Foro Sargadelos, Sevilla lamentou que a "crispación política" e que se funcione "coma se houbese dúas Españas absolutamente separadas por un abismo que non se pode encher de ningunha das maneiras".

   Ademais, criticou que, nestes momentos, no Parlamento non se fala das "cousas importantes", nas que se debe definir unha política de Estado como a posición de España en Europa, as tecnoloxías intelixentes ou o acceso a informacións estratéxica, entre outras cuestións.

"DESAPEGO"

   Neste sentido, incidiu en que hai un "desapego moi forte" entre os cidadáns e as institucións e chamou a atención sobre o feito de que as últimas enquisas do CIS advirtan da desconfianza dos cidadáns tanto cara ao presidente do Goberno como cara ao líder da oposición.

   "Se non te fías nin do que está nin do que razoablemente pode substituírlle, entón é que temos un problema moi gordo de despego de sistema", sostivo.

   Ademais, Jordi Sevilla, que puxo en valor o crecemento da economía rexistrado nos últimos anos, considerou que este crecemento "non se repartiu ben". "O 48% dos contratos laborais son precarios. Cambiamos a temporalidade por outros tipos de precariedade laboral e estamos a descubrir a figura que hai uns anos era impensable, a do traballador pobre", sinalou citando os informes de Cáritas e contrapondo estes datos cos beneficios rexistrados polas empresas do Ibex 35.

   "Que cun Goberno, o máis progresista da historia da humanidade e o meu goberno, que quen estean encantados sexan os do Ibex 35 mentres a xente ten dificultades para chegar a fin de mes, é que algo está a fallar", sostivo.

    Sevilla asegurou "negarse a aceptar" que este contexto "non ten arranxo". "Eu négome a aceptar esta situación política empantanada que temos e cuxos resultados xeran tanta insatisfacción en tanta xente, non teña arranxo", manifestou.

   Así as cousas, dixo que el o "está tentando" no seo do seu partido. "Eu estou a tentar mover conciencias nunha liña de funcionamento e de traballo distinta da actual", manifestou nunha intervención na que criticou que o PSOE estea a levar á práctica "un modelo político" que se traduce en "derrota electoral após derrota electoral".

(HABERÁ FOTO PROFESIONAL)

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado