Eduardo Parra - Europa Press
SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Mar. (EUROPA PRESS) -
O BNG rexistrou iniciativas no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado medidas urxentes de protección social e económicas ante as consecuencias da guerra no Irán como límitar as hipotecas e bonificacións aos combustibles para profesionais.
Diso informou o Bloque nun comunicado, no que explica que rexistrou unha proposición non de lei para o seu debate na Cámara baixa co obxectivo de que o Goberno do Estado leve a cabo estas medidas.
Aínda que o deputado Néstor Rego explicou que o BNG ultima o documento final que entregará ao Goberno do Estado contemplando actuacións co obxectivo de protexer ás maiorías sociais, avanzou algunhas das medidas que propón.
Así, reclaman o control dos prezos dos alimentos e das subministracións básicas para aliviar o custo de vida das familias e das pequenas e medianas empresa.
Así mesmo, pide límites á subida das hipotecas e dos alugueres para garantir o dereito a unha vivenda digna e bonificacións aos combustibles para profesionais (transporte, agricultura, pesca ou maquinaria), como xa se fixo en 2022.
Tamén pide protección dos sectores produtivos e industriais fronte ao impacto económico da guerra e a aplicación estrita da Lei da cadea alimentaria para garantir prezos xustos na produción e evitar subidas inxustificadas ao consumidor.
O BNG apela a impulsar a soberanía alimentaria, reducindo a dependencia exterior en alimentos e insumos; pide unha reforma fiscal máis progresiva, que aumente a carga ás rendas máis altas e reforce a protección social para persoas vulnerables.
A redución do IVE en alimentos e subministracións básicas, impostos ás grandes enerxéticas, á banca e ás grandes fortunas polos beneficios extraordinarios derivados da subida dos prezos, así como a prohibición dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional para as persoas vulnerables son outras das peticións do BNG.