A moratoria temporal para novas plantas de biogás non apaga a preocupación no rural, onde siguen organizándose

Veciños de Begonte, Abadín, Mazaricos e A Laracha temen os efectos medioambientais dos proxectos planteados nos seus territorios

Colectivos de Abadín, entre os que rexeitan proxectos de biometano.
PLATAFORMA STOPBIOGÁS ABADÍN
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 21 noviembre 2026 11:28

   LUGO, 21 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A moratoria enunciada polo PP na lei de acompañamento --e que materializará a Xunta-- para frear temporalmente a implantación de novos proxectos de biogás non apagou a preocupación en varios puntos do rural galego, en especial en localidades nas que levan meses organizándose contra a chegada destas instalacións, como Gaibor, en Begonte, Abadín, Mazaricos ou A Laracha.

   O anuncio recibiuse con cautela, coa sensación compartida de que "se gañou tempo", pero a percepción dos colectivos que se mobilizaron é que non se despexou a incerteza sobre que ocorrerá cos proxectos que xa están sobre a mesa nin sobre o futuro dos territorios afectados.

   Nestas localidades a contestación social alcanzou unha repercusión significativa, con veciños que se organizaron en busca de respostas, asesoramento e ferramentas para defender a súa contorna. Os seus integrantes temen que a implantación de macroplantas de tratamento de residuos e produción de biometano e biogás termine modificando profundamente uns lugares onde a actividade gandeira, os camiños rurais, os montes, os mananciais e a convivencia veciñal forman parte dunha maneira de vivir que consideran necesario preservar.

   Uno dos exemplos desta inquietude atopáse en Gaibor, no municipio lucense de Begonte. Aínda sendo unha parroquia que non chega aos 200 veciños, organizáronse ante a posibilidade de que se instalase unha macroplanta de tratamento de residuos con capacidade para procesar 186.000 toneladas anuais.

   O proxecto, que inicialmente se plantexou en terreos do monte comunal, atopou rexeito veciñal. Con todo, a preocupación non desapareceu, senón que se incrementou cando a empresa, ante esta negativa veciñal, optou por negociar co propietario dunha leira privada.

   A preocupación dos veciños atopou respaldo na análise do ecólogo acuático e profesor universitario Máximo Florín, que leva meses estudando estes proxectos en diferentes puntos de España.

   No caso de Gaibor, os seus cálculos apuntan a unha diferencia considerable entre a capacidade de tratamento prevista e os residuos xerados no propio municipio para servir á planta. Begonte produce unhas 23.442 toneladas anuais, fronte ás 186.000 que pretende procesar a instalación. Isto implicaría que ao redor do 90% dos materiais terían que chegar desde fóra do termo municipal.

   Florín advirte, ademais, que o proceso "non elimina a maior parte dos residuos, senón que aproximadamente un 95% sae en forma de digestato", cuxa xestión posterior require dispor de suficiente superficie agrícola. Unha cuestión que considera especialmente delicada nun territorio con pouco máis de 1.400 hectáreas de terra cultivable.

   O investigador tamén alerta dos efectos que estas plantas teñen sobre as augas, o chan e a calidade do aire, e considera imprescindible que os estudos ambientais "analicen con rigor as consecuencias destas instalacións" antes de que poidan recibir as autorizacións ambientais.

O CASO DE ABADÍN

   A preocupación tamén se mantén moi presente en Abadín, onde se contemplan dúas plantas que, segundo os datos trasladados por unha plataforma veciñal, poderían tratar conxuntamente unhas 376.000 toneladas de residuos.

   Ao redor deste problema naceu ADN Galego, unha nova asociación, que está en curso de formación e cuxa función é precisamente a protección do territorio ante estas ameazas. Esta xurdiu dunha plataforma veciñal, Stopbiogás Abadín, que sigue en plena forma na súa loita e que, a pesar da moratoria, solicitou reunirse co alcalde para seguir informada sobre a situación.

   A presidenta de ADN Galego, Pilar Martínez, considera que a moratoria anunciada pola Xunta "non resolve o problema de fondo". Ao seu xuízo, tratar dun medida temporal que pode rebaixar a tensión social, pero que "non ofrece garantías suficientes sobre o futuro dos proxectos nin sobre o modelo de implantación que se pretende desenvolver en Galicia".

   Martínez calcula que poderían chegar a proxectarse ao redor de 40 macroplantas na comunidade e cuestiona que instalacións de semellante tamaño respondan as necesidades reais dos territorios onde se pretenden situar.

   Ante este escenario, a organización e a colaboración entre localidades convertéronse nunha das principais ferramentas dos afectados. A constitución de ADN Galego pretende precisamente coordinar as diferentes plataformas que han ir xurdindo en Galicia e darlles unha maior capacidade para compartir información, recibir asesoramento e trasladar as súas reivindicacións.

   A asociación nace coa intención de manterse á marxe dos partidos políticos e de reunir a veciños que, independentemente da súa ideoloxía, coinciden na necesidade de defender as súas localidades.

A VISIÓN DESDE AS ALCALDÍAS

   A proliferación de proxectos de biogás en Galicia situou aos concellos rurais ante un debate para o que moitos consideran necesario dispor de máis ferramentas. En municipios como Abadín e Begonte, os alcaldes coinciden en reclamar unha maior regulación e unha planificación que teña en conta as características de cada territorio antes de permitir a implantación destas infraestruturas.

   En Abadín, o alcalde, José María López Rancaño (PP), considera que a Xunta debe asumir a responsabilidade de ordenar o sector e decidir onde poden instalarse estas plantas e onde non. O rexedor considera inviable que se autorice unha infraestrutura destas características cada poucos quilómetros. "Para isto é a moratoria, para ordenar o sector", explica o primeiro edil.

   Tamén lembra que non vai facilitar a chegada destas instalacións e que os informes urbanísticos emitidos até agora "teñen carácter exclusivamente informativo, non se deu ningunha autorización", asegurando que a postura do Concello será "un rotundo non".

   Pola súa banda, o Concello de Begonte optou por traballar nunha normativa propia. O alcalde, José Ulla (PP), anunciou a elaboración dunha ordenanza municipal, que se someterá a votación no próximo pleno e que permitirá regular as plantas de biogás, así como outras actividades e infraestruturas que poidan xerar impactos ambientais, acústicos ou molestias para os residentes.

   En relación co proxecto previsto en Gaibor, o rexedor asegura que aínda se atopa nunha fase inicial e que, polo momento, non existe ningunha solicitude de licenza de actividade. O trámite coñecido até agora é a petición dun informe urbanístico sobre unha posible localización.

   Máis aló das cifras e dos expedientes administrativos, o temor de moitos veciños que verbalizan as asociacións ten que ver con algo difícil de cuantificar: a transformación da súa contorna. Os residentes non queren que as súas localidades se convertan en puntos de recepción de residuos procedentes doutros territorios nin que as estradas soporten un tráfico pesado continuo. Tampouco queren que as dúbidas sobre a auga, os cheiros ou os riscos respiratorios.

   A moratoria da Xunta abriu unha paréntese, pero non pechou o debate; para eles, a moratoria seguirá sendo unha pausa na incerteza, pero non unha razón "para baixar a garda".

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado