A muller de 33 anos asasinada en Pontevedra foi apuñalada e presentaba numerosos golpes na cabeza

Un axente da Policía Científica toma probas no lugar do crime.
Gustavo de la Paz - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 22 mayo 2023 14:28


PONTEVEDRA, 22 May. (EUROPA PRESS) -

A muller de 33 anos asasinada na madrugada deste luns en Pontevedra foi apuñalada e presentaba numerosos golpes na cabeza, segundo fontes policiais consultadas por Europa Press, que confirmaron a detención dun home, de 47 anos de idade e de orixe portuguesa, como presunto autor dos feitos.

Foi a Policía Local de Marín a que detivo ao home, após supostamente matar á muller, N.R.F. O suceso produciuse nunha casa abandonada na rúa Cunchidos, no barrio pontevedrés de Estribela. Estas dúas persoas serían toxicómanas, aínda que só a vítima residía na infravivenda 'okupada' xunto a outros dous homes.

A muller foi apuñalada e presentaba numerosos golpes na cabeza producidos cun obxecto contundente. Foi un veciño que pasaba polo lugar quen deu a voz de alarma sobre as cinco e media da mañá ao escoitar berros procedentes desta vivenda.

Ao lugar dos feitos Urxencias Sanitarias-061 enviou unha ambulancia asistencial dotada de soporte vital avanzado, pero o persoal sanitario só puido certificar o falecemento da muller.

A Policía Nacional de Pontevedra asumiu a investigación, descartando que sexa un caso de violencia de xénero ao non existir relación entre a muller falecida e o arrestado, que xa se atopa nos calabozos da comisaría de Pontevedra, á espera de pasar a disposición xudicial.

O suposto homicida ten antecedentes policiais, igual que a muller que mañá martes tiña que comparecer nos Xulgados da Parda acusada de entrar nesas dependencias xudiciais a roubar expedientes e queimar unha bandeira de España.

No pleno extraordinario que o Concello de Pontevedra celebrou este luns gardouse un minuto de silencio pola vítima do homicidio.

Entre outros datos, na casa de Estribela tamén había un can que este luns foi rescatado pola Protectora de Animais Os Palleiros.

Contenido patrocinado