Municipios coruñeses costeiros toman medidas ante a alerta vermella no mar e piden "extremar as precaucións"

Publicado: miércoles, 17 enero 2018 12:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Ene. (EUROPA PRESS) -

Os concellos da costa coruñesa chaman á cidadanía a "extremar a precaución" e a non achegarse a praias e zonas próximas ao litoral nunha xornada de alerta vermella no mar que afecta as provincias da Coruña e Lugo.

A cidade herculina mantén pechados os accesos ás praias desde o martes e os servizos de seguridade municipais reiteran a importancia de extremar as medidas de precaución durante a situación adversa no mar.

Desde Valdoviño, o Concello reforzou o operativo de vixilancia no litoral e non descarta cortar o viario de acceso ao faro de Punta Frouxeira, "especialmente frecuentado en días de temporal e a pesar das recomendacións" de non visitar a zona por motivos de seguridade.

Neste sentido, o rexedor local, Alberto González, apelou á cidadanía para que eviten achegarse á costa e a estas zonas.

Así mesmo, o Goberno local de Ferrol suspendeu todas as actividades marítimas na zona e recomendou tomar medidas para asegurar embarcacións, estruturas e materiais que poidan verse afectados, ademais de solicitar aos veciños que eviten aproximarse a praias, costa e portos.