Os centros educativos en Galicia deben permanecer abertos, pero non haberá actividade lectiva nin transporte

Archivo - Dúas nenas  acoden ao colexio.
Eduardo Parra - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 29 abril 2025 11:17

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta enviou unha comunicación aos equipos directivos dos centros educativos da comunidade na que se ratifica que, seguindo instrucións recibidas polo Goberno central no nivel 3 de emerxencia, estes deberán permanecer abertos.

    O obxectivo, segundo fontes consultadas por Europa Press, é que o alumnado que necesite acudir por motivos de conciliación ou similares das familias poida facelo, pero manterase a suspensión da actividade lectiva e do transporte escolar.

    O Goberno galego pediu "comprensión" ás familias, dado que algúns centros, apuntan as fontes consultadas, poderían non ter preparada a apertura para a primeira hora do día "debido á dificultade para establecer as comunicacións".

   Na súa intervención deste martes após a reunión do comité de coordinación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou que, antes de que se activase o nivel 3 de emerxencia, que deixa o mando en mans do Goberno (nesta xornada volverase a solicitar regresar ao 2), a Xunta tomara a decisión de pechar centros educativos e escolas infantís (ás que tamén se ordenou reabrir).

"RACIONALIZAR" O CONSUMO DE COMBUSTIBLE

   O paso, reiterou o mandatario galego, deuse co obxectivo de "racionalizar" o consumo de combustible.

    "Galicia é a comunidade coa rede máis extensa de transporte escolar e nese momento tomouse esa determinación. No entanto, todos os centros escolares de Galicia e as escolas infantís abriranse (este martes): non para actividade lectiva, pero si para que quen teñan que deixar aos seus fillos por necesidades de conciliación saiban que teñen esa posibilidade", resolveu.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado