JUNTA DE ANDALUCÍA - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 Mar. (EUROPA PRESS) -
Os fogares galegos que consideran os gastos médicos (médico de familia ou especialista) unha carga pesada subiron do 7% ao 8,3% en 2025, segundo a Enquisa de Condicións de Vida (ECV), elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) coa participación de 72.000 persoas.
De acordo con esta enquisa, nos fogares galegos aumenta a percepción de que os gastos sanitarios supoñen unha carga, sobre todo en asistencia médica e dental, aínda que a maioría segue declarando que non lle supoñen unha carga importante.
Así, en asistencia médica, a percepción de que son unha carga pesada pasa do 7% en 2022 ao 8,3% en 2025 (6,0% en 2017). Os fogares galegos que consideran estes gastos unha carga razoable aumentan do 29% ao 32% (28,8% en 2017). Baixan do 60,5% ao 57,3% os que non os ven ningunha carga (47,9% en 2017).
Os que contestan que non utilizaron asistencia médica redúcense do 3,5% ao 2,4%, mentres que en 2017 eran até o 17,3% dos preguntados
No apartado de asistencia dental, os que contestan que supón unha carga pesada na comunidade galega baixan do 18,6% en 2022 a 18,1% en 2025 (23,7% en 2017). Unha carga razoable descende do 21,6% ao 20,6% (17,9% en 2017) e ningunha carga aumenta de 37,7% a 42,7% (31,4% en 2017).
Os fogares que declaran non utilizar asistencia dental caen de 22,1% a 18,1% en 2025 (e eran o 23,7% en 2017, mesmo valor que "carga pesada" nese ano).
Pola súa banda, os fogares que consideran unha carga pesada os gastos en medicamentos baixan do 7,4% ao 6,8% en 2025 (7,6% en 2017). Son unha carga razoable para o 54,2% dos enquisados, fronte ao 47,8% de 2022 (57,6% en 2017) e ningunha carga para o 36%, fronte ao 39,9% da anterior encueta (32,9% en 2017). Aseguran non utilizar o 3%, menos que o 4,8% da anterior ocasión (1,9% en 2017).
DATOS ESTATAIS
No conxunto estatal, en 2025, os gastos de asistencia médica supuxeron unha carga pesada para o 8,4% dos fogares, fronte ao 7% en 2022. A carga do gasto en medicamentos diminuíu ao 6,7%, desde o 6,9% en 2022.
Pola súa banda, a carga dos gastos de asistencia dental aumentou 1,7 puntos, do 17% ao 18,7%. Segundo o nivel de ingresos, ao 7,9% dos fogares con ingresos altos supúxolles unha carga pesada os gastos de asistencia médica, fronte ao 8,8% dos fogares con ingresos baixos.
O mesmo sucedeu cos gastos de asistencia dental ou medicamentos. Aos fogares con menores ingresos supúxolles maior carga que aos que tiñan ingresos altos: 20,2% fronte a 13,3% no caso da asistencia dental, e 8,5% fronte ao 4,2% nos medicamentos.
UTILIZACIÓN EN GALICIA
En Galicia, no caso do dentista, en 2025, o 40,9% dos enquisados non acudiu nos últimos 12 meses, algo menos que en 2022 (43,3%) e que en 2017 (47,3%), o que indica máis utilización.
As visitas de 1-2 veces mantéñense ao redor de catro de cada dez acodes (43,1% en 2025, 41,4% en 2022, 39,3% en 2017), mentres que as consultas máis frecuentes (3-5, 6-9 e 10 ou máis) son minoritarias, pero algo máis habituais que en 2017: 11,4%, 3,1% e 1,6% en 2025, fronte a 10,7%, 2,2% e 2,3% en 2022, e 9,9%, 1,7% e 1,9% en 2017.
En termos xerais, a serie suxire unha lenta expansión do uso do dentista, sobre todo pasando de 'ningunha' a 1-2 visitas anuais.
En 2025, un 41,9% non acudiu ao especialista nos últimos 12 meses, fronte ao 46,1% en 2022 e ao 50,9% en 2017, o que indica unha redución progresiva da poboación sen consultas ao especialista.
O grupo de 1-2 visitas é do 33,5% en 2025 (30,3% en 2022 e 31,4% en 2017), mentres que o de 3-5 visitas alcanza o 16,3% (14,2% en 2022 e 12,1% en 2017).
As visitas máis intensivas, 6-9 e 10 ou máis, mantéñense en niveis baixos pero crecentes: 4,6% e 3,8% en 2025, fronte a 4,8% e 2,7% en 2022, e 3,0% e 3,8% en 2017, mostrando unha combinación de lixeira redistribución entre tramos altos e consolidación do uso do especialista.
Pola súa banda, o 16,1% das persoas de 16 ou máis anos non foi ao médico de familia nos últimos 12 meses, fronte ao 20,5% en 2022 e ao 15,8% en 2017. Aumenta o peso de quen acoden 1-2 veces (36,7% en 2025, 34,6% en 2022, 41,0% en 2017) e 3-5 veces (26,2% en 2025, 25,3% en 2022, 24,8% en 2017), e tamén se incrementan lixeiramente os grupos de 6-9 visitas (9,9% en 2025, 9,3% en 2022, 8,5% en 2017) e de 10 ou máis (11,1% en 2025, 10,4% en 2022, 10,0% en 2017).
En conxunto, obsérvase unha lixeira intensificación do uso do médico de familia respecto de 2022, con menos persoas sen consulta e algo máis de consultas frecuentes.
FROITA E VERDURA
No último ano dispoñible (2025), unha maioría de galegos come froita e verdura polo menos unha vez ao día, pero con lixeiros retrocesos fronte a 2022 nos consumos máis frecuentes e algo máis de poboación nos tramos intermedios.
En conxunto, diminúe o consumo moi frecuente de froita (dúas ou máis veces ao día) e crecen os tramos semanais, cun leve aumento do grupo que non toma froita.
Mentres, a enquisa recolle unha redución do consumo diario de verdura e un traslado cara a consumos de 1 a 3 veces por semana, cun pequeno aumento dos consumos moi baixos, aínda que segue sendo minoritario o grupo que nunca toma verdura, ensaladas ou legumes.
TABACO E ALCOL
Por outra banda, en Galicia, unha gran maioría declara non fumar e o consumo diario descende lixeiramente no último ano dispoñible fronte ao anterior.
Así, fuma todos os días o 14,1% das persoas de 16 ou máis anos, fuma algunhas veces á semana o 3%, fuma algunhas veces ao mes o 0,8% e fuma algunhas veces ao ano o 1,1%. O 80,9% declara que nunca fuma.
É dicir, ao redor dun 19% consome tabaco con algunha frecuencia, mentres que algo máis de catro de cada cinco galegos decláranse non fumadores.
Respecto de 2022, baixan os fumadores diarios (de 15,2% a 14,1%) e soben o consumo semanal (de 2,4% a 3%) e o mensual (de 0,6% a 0,8%). Tamén cae o anual (de 1,4% a 1,1%) E pasa de 80,4% a 80,9% a poboación que di nunca fumar.
Algo máis dun terzo da poboación adulta declara non beber alcol, mentres que o consumo diario baixa lixeiramente no último ano dispoñible respecto ao anterior.
Así, en 2025, consome alcol todos os días o 8,4% das persoas de 16 ou máis anos en Galicia, algunhas veces á semana o 21,6%, ao mes o 18% e ao ano o 16,3%. Nunca consome alcol o 35,8%.
O consumo diario baixa, mantense case estable quen beben algunhas veces á semana e soben os que o fan algunhas veces ao mes e ao ano, así como os que nunca inxeren alcol.
Deste xeito, os datos apuntan a un descenso do consumo máis intensivo (diario) e un lixeiro desprazamento cara a formas de consumo máis esporádicas, xunto cunha moi leve expansión do grupo que non bebe alcol.