Pokémon. - A xuíza require a contabilidade de PP, PSdeG e BNG para ver as doazóns recibidas antes das municipais

Actualizado: martes, 24 junio 2014 22:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

A xuíza que instrúe a Operación Pokémon, Pilar de Lara, decidiu requirir a PP, PSdeG e BNG os seus libros de contabilidade e todos os seus datos contables, co fin de analizar as doazóns recibidas durante os meses de maio e xuño de 2011, cando se celebraron as últimas eleccións municipais.

Nun auto, ao que tivo acceso Europa Press, a maxistrada acouta a petición ás sedes dos tres principais partidos en Galicia nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Santiago, ademais de aos municipios coruñeses de Ribeira e Boqueixón. "Idéntica información" require de Terra Galega na localidade coruñesa de Arteixo.

Todas estas formacións deberán facilitar aos axentes de Vixilancia Aduaneira os seus libros contables e identificar os encargados da contabilidade, así como precisar quen eran os responsables das contas bancarias no ámbito dos últimos comicios locais.

Así mesmo, a xuíza pide ao Tribunal de Contas que entregue aos axentes todos os datos e asentos contables correspondentes ás doazóns recibidas polos partidos antes citados. Ás compañías telefónicas, ademais, pídelles información sobre os teléfonos dos últimos chamados a declarar en calidade de imputados.

Finalmente, reclama dos concellos de Ferrol, Verín (Ourense) e Ribeira un informe con todos os concursos públicos nos que participara algunha empresa do Grupo Vendex dende 2010 e dos seus contratos vixentes ou xa finalizados con algunha das compañías desta armazón a partir do mesmo ano.

¿FINANCIAMENTO DOS PARTIDOS?

Con estas medidas, Pilar de Lara pretende esclarecer se os fondos supostamente percibidos por políticos de distinto signo tiñan como destino final os partidos.

De feito, nos fundamentos xurídicos que inclúe o auto, explica que as distintas dilixencias practicadas --intervencións telefónicas, análise de información de equipos informáticos, exame da contabilidade-- permiten concluír que os dirixentes de Vendex deseñaran "unha política empresarial conforme á cal, para lograr adxudicacións das administracións públicas, especialmente das municipais, realizaría presuntamente subornos".

Estes subornos, como detalla, consisten basicamente na contratación de persoas recomendadas, no pagamento de diñeiro e no agasallo de regalos a autoridades municipais, políticos e funcionarios que, ben directa ou indirectamente, realizaron actos ou influenciaron" para que este grupo empresarial lograse contratos públicos.

A proba que esgrime é que tanto o delegado de Vendex en Galicia, José María Tutor, como o responsable do grupo a nivel estatal, Gervasio Rolando Rodríguez Acosta, realizaron "pagamentos de elevados sumas de diñeiro, sen causa xustificada lícita aparente, a distintas persoas con cargos institucionais e/ou políticos".

Distintos medios publican este martes que o voceiro de PP no Senado, José Manuel Barreiro, recibiría 5.000 euros de Vendex, extremo que el mesmo desmentiu a Europa Press. O mesmo fixeron outros compañeiros seus de partido, como o rexedor de Ferrol, José Manuel Rey (3.000 euros); o tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores (5.000 euros); e o expresidente da Deputación de Ourense José Luis Baltar (6.000 euros).

A propia xuíza pon de manifesto no seu auto que "non consta se tales pagamentos se efectuaron" para estas persoas --entre outras-- "a título particular" ou "se se trata de doazóns ilícitas efectuadas ao partido ao que representan".