Pontón apela ao voto das persoas maiores: "Defenderemos subir as pensións mínimas até o SMI"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata por Ourense, Noa Presas, nunha visita á Praza de Abastos da capital ourensá.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 19 noviembre 2026 14:42

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou ao voto das persoas maiores co compromiso de que os nacionalistas defenderán nas Cortes Xerais a subida das pensións mínimas até o Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

   Nun encontro con pensionistas en Ourense, no que participou xunto á cabeza de lista na provincia, Noa Presas, a líder nacionalista asegurou que o Bloque defenderá "con uñas e dentes" esta medida.

   Tras lembrar que en Galicia hai máis de 700.000 persoas que cobran unha pensión, Pontón considerou "fundamental" de cara ao futuro garantir estas prestacións, nun momento no que "o PP está a cuestionar a viabilidade do sistema público de pensións".

   "Fronte a ese intento de recortar un dereito básico da cidadanía, o BNG ten claro que non imos permitir nin un paso atrás, que imos defender non só o sistema público de pensións, tamén que esas pensións se melloren porque hai situacións que non podemos dar por boas e cremos que hai que avanzar", advertiu.

   Así, lembrou que en Galicia se reflicte unha brecha de "2.600 euros menos ao ano" que, no caso de Ourense, "é aínda máis grave e elévase até unha media de 4.800 euros anuais".

   Por iso, reivindicou que o Bloque defenderá "unha axenda galega de pensións" para sacalas "do furgón de cola", algo do que, augurou, "non se vai a ocupar o bipartidismo".

   "Esta é unha reivindicación que só o BNG pon sobre a mesa, polo que necesitamos máis forza en Madrid para defendela", recalcou Pontón.

   Así, explicou que equiparar as pensións mínimas ao SMI implicaría que as persoas que perciben agora entre 700 e 1.000 euros "obterían incrementos anuais de entre 3.000 e 7.000 euros", unha medida que considerou "de mínimos".

   E para subir as pensións, a portavoz nacional do BNG subliñou que "o único" que fai falta é "vontade política", lembrando que o Goberno central "incrementou o gasto militar até os 35.000 millóns de euros".

"FACER HISTORIA"

   Pola súa banda, Noa Presas incidiu en que o BNG está "centrado nos problemas reais da xente" e, por iso, pediu á cidadanía de Ourense "unha oportunidade" para "facer historia" nestas eleccións e conseguir por primeira vez unha deputada do Bloque.

   Así mesmo, reivindicou que os nacionalistas galegos son "a única forza" que se presenta a estes comicios "co aval do traballo feito durante esta lexislatura": "Un único deputado do BNG conseguiu subidas históricas das pensións mínimas e non contributivas, por encima do IPC, nun 7% conseguindo máis de 30 millóns de euros para os pensionistas ourensáns".

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado