Pontón insiste en que o apoio do BNG a Sánchez pasa por "cumprir con Galicia" e "acelerar na axenda social"

Achaca ao presidente do Goberno "falta de autocrítica" na súa comparecencia no Congreso e critica a un Feijóo "sen escrúpulos"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 10 julio 2025 13:10

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu este xoves en que o apoio dos nacionalistas galegos ao Executivo de Pedro Sánchez para esgotar a lexislatura pasa por dúas condicións: pisar o acelerador dunha axenda social e cumprir cos compromisos "pendentes" con Galicia.

   En rolda de prensa, a líder do Bloque reivindicou que a través do acordo de investidura selado entre BNG e PSOE alcanzáronse "avances importantes", entre eles, a rebaixa das peaxes da AP-9, a rexeneración da ría do Burgo ou a electrificación da liña de tren entre Lugo e Ourense.

   Así, defendeu que o BNG está en Madrid para "defender os intereses e mellorar a vida" dos galegos. "E punto", resolveu Pontón, que reiterou que non están no Congreso e no Senado "nin para defender ao PSOE, nin para defender a Sánchez".

   Nesta liña, recoñeceu que a lexislatura pasa por un momento "delicado e moi complexo", pero defendeu a súa "determinación" en traballar desde a defensa "da política honrada".

   Cuestionada polo cumprimento do acordo cos socialistas e se cre que o Goberno esgotará a lexislatura, Pontón insistiu en que o BNG ten "un acordo de investidura" e en que o seu voto é "un voto libre que vai estar sempre en función de" se lles parecen boas medidas "desde o punto de vista social e de se cumpre con Galicia".

   En todo caso, esgrimiu que non ten "unha bóla máxica para saber que vai pasar" na política estatal e até onde vai durar a lexislatura.

    "Creo que a día de hoxe ninguén está en condicións de facer unha afirmación a ese respecto, o que está claro é que unha lexislatura e un Goberno só se xustifica polos seus feitos e polas súas actuacións e hai unha demanda creo que moi clara na sociedade de que hai que avanzar en dereitos sociais, en mellorar as condicións de vida das persoas que teñen múltiples problemas desde a vivenda, a subida de prezos, os problemas de precariedade laboral", subliñou.

FEIJÓO, "SEN ESCRÚPULOS"

   Así mesmo, en referencia á comparecencia de Pedro Sánchez este mércores no Congreso, Pontón reprochou que os problemas da cidadanía "non se van a resolver desde a crispación, nin desde o insulto, nin desde a lameira na que está convertida a política madrileña".

   Neste sentido, asegurou que se viu ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, "en estado puro". "En Madrid hai a quen lle sorprende. En Galicia non nos sorprende porque xa coñeciamos moi ben a Feijóo. Ese Feijóo sen escrúpulos, disposto a todo na súa estratexia de supervivencia dentro do seu partido e disposto a todo para chegar ao poder", censurou.

   A este respecto, dixo que o BNG "nin comparte nin se identifica" con esa maneira de facer política e mostrou a súa preocupación porque o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "estea a tentar trasladar a lameira da política madrileña a Galicia".

SÁNCHEZ, "FALTA DE AUTOCRÍTICA"

   Sobre Pedro Sánchez, Ana Pontón considerou que lle "faltou autocrítica" e "máis contundencia" á hora de loitar contra a corrupción.

    En todo caso, en canto ás medidas anunciadas polo presidente do Goberno, sinalou que verán se "pasan do papel á realidade", xa que, tal e como subliñou, "non sería a primeira vez que se anuncian medidas que quedan absolutamente en nada".

   Tamén reivindicou que "é necesario ir máis aló" na loita contra a corrupción, por exemplo, engadiu, indo "contra as empresas que corrompen" e que "cambian os gobernos pero seguen utilizando as mesmas prácticas beneficiándose da corrupción".

   "Cremos que é aí unha parte importante na que hai que traballar para erradicar unha corrupción, que é endémica e que afectou ao bipartidismo desde hai décadas", criticou.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado