A CORUÑA 20 Sep. (EUROPA PRESS) -
A exposición fotográfica 'A vida negada', que a rede Acampa pola Paz ten instalada nos xardíns coruñeses de Méndez Núñez, rexistrou diversos danos, segundo informa a organización.
A mostra, que forma parte do V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio celebrado entre o 9 e o 11 deste mes, pretende sensibilizar sobre os danos que o saqueo de recursos xera nas comunidades locais en distintos puntos do planeta.
"Nestes anos e en todas as nosas propostas concienciadoras a cidadanía coruñesa deunos exemplos máis que sobrados sobre o seu compromiso cívico e o seu interese por reflexionar ao redor dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio", sinalan desde o Movemento Acampa.
"Por iso resulta máis triste se cabe comprobar como a intolerancia ou a irresponsabilidade duns poucos, aproveitando a noite, furta aos coruñeses do seu dereito a estar informados e a mostrar o traballo de fotoxornalistas internacionais", engaden.
En concreto, denuncian que na última semana roubaron varias lonas con imaxes a gran formato, danado, desprendido ou dobrado os valos metálicos que lle dan soporte. De "desolador" cualifican desde Acampa o ocorrido.