O PSdeG percorrerá Galicia con 'Desde-a-marxe', campaña para visibilizar a cultura que queda fóra de grandes circuítos

A iniciativa arrinca con dúas primeiras paradas en Entrimo e A Laracha

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á deputada socialista Silvia Longueira en rolda de prensa
PSDEG
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 16 marzo 2026 13:56

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O PSdeG puxo en marcha 'Desde-a-marxe', unha campaña coa que os socialistas galegos queren percorrer Galicia para escoitar e dar visibilidade á creación cultural que nace nas comarcas e que "queda fóra dos grandes circuítos culturais".

   O proxecto foi presentado este luns polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e pola responsable de Cultura do partido, Silvia Longueira, que explicaron que a iniciativa nace despois de meses de contacto con creadores e creadoras para coñecer de priemra man a realidade cultural do país.

   Durante a presentación, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia, Besteiro explicou que o proxecto xorde precisamente desta vontade de achegarse ao que ocorre no ámbito cultural galego máis aló dos grandes focos.

   Segundo indicou, en Galicia existen numerosas iniciativas culturais que nacen desde o territorio e desde proxectos independentes que non sempre contan coa visibilidade que merecen. "Desde-a-marxe nace apra ir buscalas alí onde están e darlles altofalante, pondo en contacto esa creación coa cidadanía e abrindo espazos de encontro ao redor da cultura".

   O secretario xeral dos socialistas galegos sinalou que boa parte da vitalidade cultural do país está precisamente neses proxectos que crecen desde abaixo e que están a renovar a cultura galega desde as comarcas.

   Neste sentido, lembrou que a cultura non pode entenderse só como programación ou espectáculo, senón tamén como un elemento fundamental para construír identidade e fortalecer a sociedade. Ademais, lembrou que o orzamento da Xunta para Cultura é de 140 millóns de euros fronte aos 240 que destinan os concellos.

   "Desde o PSdeG temos claro que a cultura tamén é o que nos vertebra como sociedade e o que nos permite pensarnos colectivamente como país", indicou.

REDE DE ENCONTROS POLO TERRITORIO

   Pola súa banda, Silvia Longueira explicou que esta iniciativa empeza con dúas primeiras paradas en Entrimo e A Laracha, dous puntos desde os que empezará a tecerse unha rede de encontros culturais que irá pasando por diferentes comarcas de Galicia, "porque é nos sitios pequenos e de agrupacións pequenas de onde saen as cousas máis grandes".

   Cada sesión reunirá tres proxectos culturais distintos, procedentes de disciplinas diversas. Persoas creadoras que presentarán o seu traballo e tamén compartirán a experiencia real de crear desde Galicia: as dificultades coas que se atopan, os camiños que abriron e a relación que manteñen co territorio e coa comunidade.

   Cada proxecto contará con quince minutos para presentar o seu traballo, nun encontro que terá unha duración aproximada dunha hora. Ao terminar, abrirase un espazo de diálogo co público para compartir reflexións e preguntas.

   Segundo explicou Longueira, o obxectivo é crear un punto de encontro entre proxectos culturais, persoas creadoras e cidadanía, un lugar onde compartir procesos, ideas e experiencias ao redor da ceración cultural galega.

   A iniciativa dará cambia a todo tipo de propostas culturais: música, artes visuais, literatura, audiovisual, recuperación patrimonial ou proxectos híbridos que combinen diferentes linguaxes creativas. O criterio non será o formato, senón o vínculo co territorio e a capacidade de contribuír á conversacion cultural galega.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado