A vaga de incendios sen control en Galicia dispárase até as 22.000 hectáreas arrasadas

Chandrexa cumpre unha semana de lume sen controlar, con 9.500 hectáreas en dous incendios, seguido en superficie por: Oímbra (5.000), A Mezquita (4.000) e Maceda (1.700)

Extinción do incendio declarado a partir da vía do tren en Seixalbo, nun terreo no que arderon varias colmeas
ROSA VEIGA
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 14 agosto 2025 10:31

   OURENSE, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A vaga de incendios sen control que afecta a Galicia, de forma maioritaria a Ourense con Situación 2 en toda a provincia, disparou a superficie arrasada até as 22.000 hectáreas.

   Segundo os datos provisionais ofrecidos pola Consellería do Medio Rural na mañá deste xoves --só comunica cifras de máis de 20 hectáreas--, a superficie arrasada case se duplica nas últimas horas respecto do informado o pasado mércores.

    Así, son sete os incendios activos na provincia de Ourense, catro deles grandes lumes forestais que queiman miles de hectáreas. Chandrexa de Queixa cumpre unha semana desde que se iniciou o lume sen control o 7 de agosto na parroquia de Requeixo, o cal queima 4.500 hectáreas. Os brigadistas avisaban ese mesmo día de que, se non se lograba atallar rápido a súa extensión, podía levar a queimar toda a serra debido ás dificultades de acceso e condicións meteorolóxicas. A este sumouse o 12 de agosto tamén en Chandrexa o incendio da parroquia de Parafita, que calcina en só dous días máis de 5.000 hectáreas.

    A suma destes lumes en Chandrexa é de 9.500 hectáreas, unha cifra que se aproxima aos dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros, os que tiveron lugar na vaga de incendios de xullo de 2022: O Courel (11.800 hectáreas) e Valdeorras (10.500 hectáreas).

   Mentres, o de Oímbra, parroquia da Granxa, encabeza tamén a superficie queimada xunto ao de Parafita, 5.000 hectáreas, un lume no que resultaron feridos por queimaduras tres brigadistas municipais. Séguelle o lume da Mezquita, parroquia da Esculqueira (4.000 hectáreas); Maceda, parroquia de Santiso (1.700 hectáreas). Tamén están activos os de Vilardevós, parroquia Vilar de Cervos (200 hectáreas); e Larouco, parroquia de Seadur (150 hectáreas).

    Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural dá por estabilizados --aínda sen controlar-- os lumes de: Maceda, parroquia de Castro de Escuadro (450 hectáreas); Dozón (Pontevedra), parroquia do Castro (400 hectáreas); Vilariño de Conso, parroquia de Mromentelos (180 hectáreas); Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas); Ourense, parroquia de Seixalbo (100 hectáreas); así como Vilardevós, parroquia de Moialde (40 hectáreas).

    A esta cifra súmanse unhas 3.000 hectáreas calcinadas previamente no verán en Galicia --con base en datos dos lumes comunicados por Medio Rural--, o que eleva por encima das 25.000 hectáreas a superficie arrasada en toda a campaña de alto risco na comunidade.

CONTROLADOS

   Permanecen controlados os lumes de Samos (Lugo), parroquia de Santalla (200 hectáreas); A Fonsagrada (Lugo), parroquia de Monteseiro; A Estrada (Pontevedra), parroquia de Souto (20 hectáreas); e Verín, Mourazos (9 hectáreas).

   Están confinados catro núcleos no municipio ourensán Monterrei: Mixós, Estevesiños, Vences e A Pousa. Evacuáronse a 27 veciños de oito vivendas de núcleo de Albarellos durante a noite. Tamén están desaloxados 47 maiores dunha residencia da Mezquita e 25 grandes dependentes con mobilidade reducida dunha residencia de Chandrexa.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado