A Xunta colaborará cos afectados na execución da sentenza contra Audasa

Publicado: martes, 25 febrero 2020 18:41

PONTEVEDRA, 25 Feb. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o goberno galego "estará aí" para colaborar cos afectados na execución da sentenza contra Audasa e axudarlles a reclamar o diñeiro que pagaron de maneira "abusiva" nas peaxes durante as 81 incidencias que recoñece o fallo que se rexistraron na autoestrada AP-9 durante as obras de ampliación da Ponte de Rande.

Neste sentido explicou que a Xunta está pendente de como se executa xudicialmente a sentenza e se se presentan recursos. "Non sei se fará falta algún tipo de axuda para atender aos usuarios, todo iso poderiámolo ver", explicou.

"Se se nos pide axuda nalgún sentido, fariámolo", engadiu Rueda, que entende que sería "sinxelo" que a sentenza se execute "se quere a concesionaria", dixo.

A maiores, Alfonso Rueda dixo que a sentenza é "unha boa noticia" e que "vén recoñecer que efectivamente a demanda estaba ben posta".

Ademais, o número dous o Executivo autonómico entende que a sentenza pon de manifesto a "falta de coherencia" do Goberno do Estado e "fai máis difícil de entender a postura da Avogacía do Estado, que no canto de porse ao lado dos usuarios, púxose ao lado da concesionaria".

"Celebro que agora unha sentenza diga que a Fiscalía e os usuarios que protestaron teñan razón", engadiu Rueda.

Por outra banda, o vicepresidente do Goberno galego considera que "onde a Xunta cumpre o seu papel" é na reclamación do traspaso da titularidade da autoestrada, algo que, ao seu xuízo, permitiría que en situacións similares aos atascos en Rande "as cousas funcionen doutra maneira".