A Xunta Electoral abre expediente a Abel Caballero por un acto de balance en campaña

Vigo Abel Campaña
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: miércoles, 29 junio 2016 14:00

VIGO, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Xunta Electoral de Zona de Vigo incoou expediente sancionador ao alcalde, Abel Caballero, por un acto de balance de xestión, celebrado o pasado 13 de xuño, en plena campaña electoral, na Porta do Sol da cidade olívica, segundo informou este mércores o grupo municipal do PP.

A voceira popular, Elena Muñoz, sinalou que o rexedor incumpriu a normativa electoral ao celebrar ese acto, xa que os balances de xestión en campaña "están prohibidos". Este acto, desenvolvido baixo o lema 'Vigo si. 8 +1', en alusión aos anos de goberno do socialista, foi denunciado polo PP.

A Xunta Electoral considera que esa actuación puido incumprir a LOREG, e incoou un expediente sancionador que, en caso de que se acredite esa infracción, podería rematar con multa de entre 300 e 3.000 euros.

Agora Caballero dispón dun prazo de 15 días para presentar alegacións ou para propoñer proba, e advírteselle de que, se deixa transcorrer ese tempo sen presentar esas alegacións, o procedemento pode rematar en proposta de resolución.

Non é a primeira vez que o alcalde de Vigo se enfronta a expedientes sancionadores por parte da Xunta Electoral, que xa lle impuxo multas en 2011 (por unha visita a unhas rúas recén reformadas polo goberno local) e en 2015 (por unha reunión con colectivos de maiores no Concello).

CARPA DO PP

Por outra banda, Elena Muñoz tamén informou que a Xunta Electoral deu a razón ao PP sobre a denuncia interposta polo PSOE en relación coa colocación dunha carpa electoral en Porta do Sol.

"Intentou impedir que puxésemos a nosa carpa onde uns días antes el fixo o seu acto de balance", recordou a voceiro 'popular', quen sinalou que o seu grupo fixo unha consulta á Xunta Electoral Central para ratificar que a colocación desa carpa non incumpría a normativa electoral.