Rural .- Suárez Canal aposta polo diálogo permanente co sector agrogandeiro para potenciar o medio rural

Galicia Actual
Actualizado 18/06/2006 22:55:30 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, asegurou hoxe que o seu departamento "aposta de forma decidida por manter un diálogo permanente co sector agrogandeiro e forestal, coa fin de alcanzar a maior rendibilidade e produtividade no medio rural". Así o dixo na clausura esta tarde da XXIX Edición da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que se celebrou en Silleda (Pontevedra) desde o pasado mércores.

Neste sentido, o responsable autonómico apelou á "revitalización" da convocatoria das mesas do viño, do leite, da carne e da madeira; como "canle de interlocución directa" entre productores, sindicatos e industria, para "a consecución de obxectivos comúns" que redunden na obtención de rendas dignas para mellorar a calidade de vida dos viticultores, gandeiros e propietarios de montes.

Ademais, e ao fío das demandas do sector indicou que a Consellería do Medio Rural traballa no deseño normativo das políticas silvícolas adecuadas para poñer en valor a potencialidade das masas arbóreas galegas e de avanzar na estruturación e ordenación do monte, mediante a agrupación de propietarios de cara a aproveitar mellor as sinerxias do sector forestal.

Tamén neste sentido, o conselleiro do Medio Rural avanzou que "o meu departamento quere por en marcha o Banco de Terras, co obxectivo de facilitar a ampliación da base territorial das explotacións que o precisen e de cultivar a superficie agraria útil actualmente abandonada".

NEGOCIO

Na súa intervención, Suárez Canal referiuse á Semana Verde como elemento fundamental na procura desa máxima rendibilidade e calidade do sector rural galego. Así, recordou que "este evento sirve para dar a coñecer as nosas potencialidades como país, para aumentar a capacidade de negocio das empresas con representación e establecer contactos profesionais e, sobre todo, para poñer en valor o traballo dos labregos e os nosos recursos productivos".

O presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, José Maril, quen participou tamén no acto da clausura, deron fe desta última declaración do conselleiro. Declarou que nesta edición a feira "medrou un 5% nos grandes números en canto a firmas expositoras e superficie ocupada, pero medrou moitísimo máis en calidade e xeración de negocio, ata o punto de duplicar as cifras acadadas neste aspecto o ano pasado".

Neste sentido, Maril destacou o "éxito rotundo" dos Encontros Internacionais de SALIMAT; cuxo número de citas comerciais se duplicou respecto ao ano pasado ou do Encontro Sectorial Al-Invest Intercarne no que se concertaron máis de 180 reunións. Ademais, tamén fixo alusión a celebración do concurso de gando leiteiro más importante de cantos se celebran a nivel europeo, o Concurso Internacional de Raza Frisona, e ás máis de 110 poñencias impartidas, sobre sectores tan importantes como o leite, a carne os incendios forestais ou a agricultura ecolóxica.

Así mesmo, o presidente da Fundación Semana Verde recordou que "a Semana Verde posee un claro valor engadido, xa que ademais das accións comerciais, acolle outras actividades de carácter lúdico que nos sirven para que os nosos expositores leven a cabo unha potente promoción de imaxe de marca, ao tempo que moitas persoas poidan descubrir a outra maneira de vivir no campo".

Finalmente, José Maril fixo un chamamento aos distintos sectores públicos e privados comprometidos co desenvolvemento rural "para que aúnen os seus esforzos no obxectivo de seguir impulsando este proxecto feiral" e adiantou que "na vindeira Semana Verde faráse especial fincapé no sector forestal e na agricultura ecolóxica".