As escolas de arte e superiores de deseño de Galicia impartirán o vindeiro curso académico dúas especialidades

Case 1.400 alumnos cursaron este ano en Galicia ensinanzas nestes centros

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 24 junio 2006 15:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dobrará a oferta de estudos superiores de deseño para o curso 2006/2007 en todas as escolas da Comunidade galega. Ademais, duplicarase a oferta daquelas especialidades que teñen maior demanda.

O departamento que dirixe Laura Sánchez reestrutura a distribución destes estudos logo de comprobar a forte demanda que tiveron no primeiro ano da súa implantación, e considera que, unha vez garantida a oferta das catro especialidades na somunidade, cómpre realizar unha oferta adaptada o máis regular e equilibrada posible á demanda destes estudos.

Os estudos superiores de deseño forman parte das ensinanzas de Artes Plásticas e deseño e teñen unha denominación similar á dos ciclos formativos de grao superior aínda que a súa tipoloxía e a titulación á que dan lugar son diferentes.

Ata o pasado ano nas Escolas de arte de Galicia impartíanse ciclos formativos de grao superior cunha moi alta demanda e unha importantísima porcentaxe de ocupación laboral. Isto, unido á constatación por parte dos docentes, colexios profesionais, asociacións profesionais, e os propios alumnos, de que dous anos académicos son insuficientes para proporcionar unha formación axeitada ás competencias profesionais que lle son propias, xustificou a necesidade de implantar os estudos superiores de deseño.

No presente curso académico 2005/06 impartíronse en Galicia as catro especialidades dos estudos superiores de deseño, establecidos no desenvolvemento da LOXSE. Na Comunidade galega, co obxecto de potenciar as Escolas de Arte e ao mesmo tempo garantir a mellor asignación dos recursos, optouse pola transformación destas escolas en Escolas de arte e superiores de deseño.

Isto facilitou a posibilidade de impartir as catro especialidades dos estudios superiores na Comunidade galega, nos seguintes centros: A Escola de arte e superior de deseño Pablo Picasso, de A Coruña; a E. ART Mestre Mateo, de Santiago de Compostela; a E. ART Ramón Falcón, de Lugo; e a E. ART Antonio Faílde, de Ourense. Deste xeito quedou solucionada a falla de oferta deste nivel na Comunidade. Ata ese momento, os aspirantes a cursar estes estudos víanse obrigados a acudir a outras Comunidades que si os ofertaban.

No que respecta aos estudos superiores de Deseño, a oferta destas escolas para o próximo curso 2006/2007 duplicarase respecto á do presente curso, quedando como segue: As Escolas Pablo Picasso de A Coruña, Ramón Falcón de Lugo e Antonio Faílde de Ourense ofertarán as especialidades de Deseño de Interiores e Deseño Gráfico, mentres que a escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela ofertará Deseño de Moda e Deseño de Produtos.

ACCESO AOS ESTUDOS SUPERIORES DE DESEÑO

Para acceder a estes estudos requírese estar en posesión do título de Bacharelato LOXSE ou equivalente e ademais superar unha proba de acceso na que se valorarán a madurez, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. Ademais, terá acceso directo o alumnado que estea en posesión dalgún dos títulos de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño ou equivalentes nas condicións que estableza o Ministerio de Educación e Ciencia.

Os estudos superiores de deseño nas distintas especialidades comprenden tres cursos académicos máis a realización dun proxecto final de carreira, cunha carga lectiva total de 273 créditos (enténdese por crédito a unidade de valoración de actividade académica equivalente a dez horas lectivas). De ditos créditos, 270 corresponden a formación do centro docente e os 3 créditos restantes atribúense ao seguimento titorizado do citado proxecto.

A implantación destes estudos estase a realizar de forma paulatina: no 2005/06 o primeiro curso, no 2006/07 o segundo, e no 2007/08 o terceiro. Coa recente implantación dos estudos superiores de deseño completouse en Galicia a oferta das ensinanzas superiores de réxime especial. Na actualidade, a Escola de conservación e restauración de bens culturais de Galicia, situada en Pontevedra, imparte os estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais. Esta escola é unha das pioneiras na impartición de estudos superiores en todo o estado.

Ademais, no presente curso implantáronse as ensinanzas superiores de Arte dramática en Vigo. Deste xeito, os centros de ensino das principais cidades galegas conforman en Galicia unha ampla oferta de ensinanzas artísticas superiores de réxime especial.

Os datos de matrícula son un reflexo do interese que espertan estes estudos. Así, nas catro Escolas de arte e superiores de deseño galegas estudan este curso un total de 1.346 alumnos: 424 na de A Coruña, 370 na de Santiago, 291 na de Ourense, e 261 na de Lugo. Pola súa banda, a Escola superior de arte dramática de Vigo acolle a 36 alumnos, e outros 88 estudan na Escola superior de conservación e restauración de bens culturais de Galicia.

Contenido patrocinado