A Asociación de Escritores en Lingua Galega premia ao Laboratorio de Formas de Galicia e a Isaac Díaz Pardo

Actualizado: jueves, 13 julio 2006 19:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Escritores en Lingua Galega concede a súa Homenaxe "Os Bos e Xenerosos" aos presupostos teóricos e prácticos recollidos no "Laboratorio de Formas de Galicia" pola súa contribución á rexeneración da Comunidade galega.

Así, recoñece a esta entidade, fundada por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, e aos seus presupostos expresados nas industrias de Sargadelos, Castro, Editorial do Castro, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información e outras, por ser depositarias dun valiosísimo patrimonio documental do exilio e a emigración. Tamén eloxian as actividades creativas incontestábeis, con anovadas ansias e precedentes no humanismo do Seminario de Estudos Galegos, na xeración "Nós".

Segundo indicou a Asociación de Escritores en Lingua Galega, este premio ao Laboratorio de Formas de Galicia quere recoñecer "a súa contribución á rexeneración de Galicia, en pasados momentos da ditadura, dende presupostos socioculturais e nacionais, axudando a rexenerar a ética e a estética".

Tamén se quere galardoar "o sobranceiro traballo teórico e práctico de Isaac Díaz Pardo" por dar participación nunha empresa modélica, dende aos seus traballadores, a toda a sociedade galega e da diáspora, aos intelectuais e creadores, e por "recuperar e anovar a memoria e a identidade" de Galicia, alonxándoa de folclorismos.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, entende que este episodio que está a vivir este proxecto de industria cultural --polo feito de que Díaz Pardo e os seus fixos fosen apartados dos postos directivos do grupo--, "pode descapitalizar intelectualmente o proxecto e ficar mancado para o futuro".