Berrogüetto presentará mañá en Santiago o seu disco '10.0' que recolle dez anos de experiencias musicais

O grupo estará acompañado no escenario do Auditorio de Galicia por Xabier Díaz, Trebón e por unha parella de bailaríns

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 21 junio 2006 16:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -

Berrogüetto presentará mañá en Santiago de Compostela o seu último traballo discográfico, titulado '10.0', no que o grupo recolle dez anos de experiencias musicais e no que estará arroupado por artistas convidados que teñen participado nos seus discos anteriores.

Este grupo, que ofrece música galega feita desde Galicia, está formado por Santiago Cribeiro (acordeón e teclados); Guillermo Fernández (guitarra); Quico Comesaña (bouzouki e arpa celta); Quim Farinha (violín); Isaac Palacín (percusión); Anxo Pintos (gaita, órgano, saxofón, frauta e violín) e Guadi Galego (voz e gaita).

O concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, e tres membros do grupo presentaron hoxe un novo concerto da xira de presentación de '10.0', que terá lugar mañá, ás 21.00 horas, no Auditorio de Galicia. O prezo das entradas para poder asistir é de 15 euros, ainda que costará a metade para persoas estudantes ou xubiladas que conten cos correspondentes carnés.

Guillermo Fernández, un dos compoñentes do grupo, explicou que o nome do novo traballo responde "aos dez anos que cumpre" Berrogüetto no mundo da música e a súa intención de "iniciar unha nova etapa" na que autoproducen, autoeditan e autoxestionan a súa actividade.

Salientou que Santiago de Compostela é "un lugar emblemático" para o grupo, xa que comezou a súa actividade nesta cidade e máis da metade dos compoñentes viven nela. Asegurou que no concerto de mañá presentarán os temas de '10.0' e tamén farán un percorrido por los anteriores traballos discográficos.

Avanzou que Berrogüetto estará acompañado mañá polo cantante Xavier Díez, quen colaborou nun anterior disco; pola parella de bailaríns composta por Serxio Cobos e Cristina Nogueira e polo grupo Trebón.

Guillermo Fernández aproveitou a ocasión para agradecer á Concellalía de Cultura "o apoio" prestado para a celebración deste concerto, que se enmarca na xira de presentación do novo disco, e tamén durante toda a traxectoria do grupo.

"DÍAS MUSICAIS" EN SANTIAGO

Pola súa banda, concelleiro de Cultura, Néstor Rego, admitiu a "satisfacción" que supón o poder contar unha vez máis con Berrogüetto para unha actuación en Santiago de Compostela. Salientou que, "coa súa creatividade", este grupo segue a contribuir á de difusión da música galega no eido internacional.

Néstor Rego declarou que estes serán "uns días especialmente musicais" en Santiago de Compostela, xa que hoxe hai varios concertos dentro da celebración do 'Día Europeo da Música' e da festa de peche do primeiro semestre do ciclo 'Sons da Diversidade' e mañá será o concerto de Berrogüetto.

O concelleiro apuntou que a actuación de Habana Blues Band, Lamatumbá e Ruxe Ruxe, co que se pechará 'Sons da Diversidade', será un concerto solidario e para axudar a recaudar diñeiro para os tres veciños de O Eixo condenados a pagar unha multa de máis de 150.000 euros por incidentes nunha manifestación.

Contenido patrocinado