O Centro 'Ramón Piñeiro' convoca oito novas bolsas para colaborar nos seus proxectos de investigación

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 15 junio 2006 19:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística saca a concurso público oito novas bolsas de colaboración nos diversos proxectos de investigación que está a desenvolver o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, co que complementa unha anterior convocatoria para 13 bolsas.

Os interesados poderán presentar as solicitudes nun prazo de 40 días naturais, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Unha comisión de valoración, presidida polo coordinador científico do Ramón Piñeiro, Manuel González, será a encargada de facer a selección de candidatos.

Os proxectos de investigación para os que se conceden estas bolsas versan sobre terminoloxía científico-técnica, fraseoloxía galega, literatura, corpus de referencia do galego actual, catalogación dos fondos bibliográficos do centro e dicionarios de literatura. A convocatoria forma parte do plan de actividades da Secretaría para este ano.

Os bolseiros recibirán unha asignación mensual de 900 euros coa correspondente retención fiscal, ademais de ter un seguro de asistencia médica e accidentes. As bolsas son incompatibles co desempeño doutras actividades remuneradas. O período de incorporación destes investigadores ao centro farase de xeito progresivo dende o 1 de agosto ata o mes de novembro. As estadías dos bolseiros poderanse prorrogar anualmente, pero tendo en conta que non poden superar os tres anos.

Para poder optar a estas bolsas de colaboración é preciso que os interesados sexan de nacionalidade española ou membros da UE, deben posuír un título de licenciatura, ademais de ter acreditado o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento. Non poderán presentarse á convocatoria aquelas persoas que xa se beneficiaran dunha bolsa ou contrato en concursos anteriores do Centro Ramón Piñeiro.

Contenido patrocinado