O Concello de Santiago colabora na organización du curso sobre cine documental e historia dirixido ao profesorado

Actualizado: lunes, 16 enero 2006 19:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Santiago, a través da Concellalía de Educación, colabora na organización dun curso sobre cine documental e historia dirixido ao profesorado. Esta iniciativa formativa, que se desenvolverá en cinco sesións entre o 19 de xaneiro e o 16 de febreiro, está organizada por Nova Escola Galega e a Asociación Cultural Sine Nomine.

Xunto á Concellalía de Educación de Santiago, os organizadores contan tamén co apoio da Fundación 10 de Marzo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que homologa as sesións como formación do profesorado.

O acto de presentación do curso de formación "Cine documental e historia" será mañá, ás 12.30 horas, e a el asistirán a concelleira de Educación de Santiago, Elvira Cienfuegos, e os coordinadores do curso, Xosé Manuel Malheiro (Nova Escola Galega) e Heladio Anxo Fernández Manso (Asociación Cultural Sine Nomine).

Os asistentes, 50 profesores de Xeografía, Historia e Ciencias Sociais de Ensino Secundario da comarca compostelá, participarán en cinco sesións na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, que darán comezo ás 18.00 horas.

DOCUMENTAIS

O 19 de xaneiro celebrarase unha sesión sobre "Franquismo e represión", onde se proxectará o documental "Muerte en el Valle", presentado por Santiago Macías, vicepresidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Rematado o visionado, María Xesús Souto, profesora da USC, impartirá unha conferencia sobre a represión na Galicia do franquismo.

A sesión do 26 de xaneiro de 2006 versará sobre o movemento obreiro. Proxectarase a película "Carrilanos", presentada polo realizador do documental, Rafael Cid. A conferencia posterior correrá ao coidado de Antonio Míguez, do departamento de Historia Contemporánea da USC.

O 3 de febreiro Margarita Ledo, catedrática da USC e directora de Santa Liberdade, presentará o seu filme. A continuación haberá un coloquio con dúas vítimas históricas da ditadura: Manuel Amor Deus e Xesús Redondo Abuín.

A cuarta sesión, baixo o título "Tempos de wolfram, tempos de fame. Primeiro franquismo e economía", que terá lugar o 9 de febreiro de 2006, xirará en torno ao documental A memoria nos tempos do wolfram, presentado polo seu realizador, Antonio Caeiro. Despois da película, o catedrático da USC Xan Carmona, disertará sobre a economía galega no primeiro franquismo.

A quinta e derradeira sesión, o 16 de febreiro de 2006, tratará sobre a muller no franquismo e os asistentes poderán ver o documental "Els nens perduts del franquisme", presentado por Mercedes González, profesora de Ensino Secundario especialista na historia da muller, que tamén moderará a mesa redonda na que estarán presentes dúas mulleres claves na loita antifranquista: Marta Marroquí e Margarita Rodríguez.