A Consellería de Cultura e Deporte edita un libro sobre a figura e a obra do pintor lucense Tino Grandío

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 24 enero 2006 18:19

A CORUÑA 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura e Deporte presentou hoxe, na Coruña, un libro sobre a figura e a obra do pintor lucense Tino Grandío, escrito por Jorge Gómez Iparraguirre e que recolle a semblanza dun dos artistas galegos máis singulares do século XX.

A presentación tivo lugar na sede do Museo de Belas Artes da Coruña, onde se expón unha mostra da súa obra, baixo o título "Tino Grandío. Pintando con brumas". A exposición, que estaba previsto clausurar o vindeiro 29 de xaneiro, prolongarase un mes máis.

No acto, a delegada da Consellería de Cultura na Coruña, Milagros Lantes, explicou que o libro formará parte da colección "A Nosa Memoria", que edita a Xunta e que pretende reunir "a senlleiros persoeiros de diferentes ámbitos da cultura galega". Milagros Lantes considerou que esta publicación permitirá achegar a moitas persoas á figura deste artista, que destacou pola súa capacidade "de lograr a súa propia vía expresiva".

Pola súa banda, o autor, Jorge Gómez Iparraguirre, sinalou que ata agora as publicacións sobre Tino Grandío se reducían a críticas artísticas sobra a súa obra, "pero non existía unha biografía no sentido estricto da palabra", precisou.

Iparraguirre definiu a Tino Grandío como "un dos autores máis importantes da pintura galega e española contemporánea" e lamentou que a súa carreira, centrada sobre todo na figuración, se vise truncada "no seu máximo esplendor debido a un cáncer". Do seu traballo, resaltou a súa capacidade para captar a esencia galega.

CONTIDO DA MOSTRA

A mostra do Museo de Belas Artes da Coruña realiza, a través de 59 obras, un percorrido polo mellor de Grandío --como retratos e paisaxes--, á vez que se pode comparar a súa temática e estilo con artistas como Luis Seoane, Laxeiro, Pesqueira e Pancho Cossío, entre outros.

A exposición está dividida en catro seccións: saídas expresionistas e figuración lírica, abstracción fronte a figuración, a estética do gris e a luz como poética.

Contenido patrocinado