O Correlingua, para promover o uso do galego na xente nova, preséntase mañá en Santiago de Compostela

Actualizado: domingo, 7 mayo 2006 13:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 May. (EUROPA PRESS) -

O conxunto de carreiras para promover o uso do galego entre a xente nova, o Correlingua, preséntase mañá en Santiago de Compostela. No acto, que terá lugar no CGAC ás 10.30 horas, participarán os organizadores do evento así como o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará; o Director Xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela.

Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico e educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

No acto de mañá participarán os gañadores dos concursos de manifesto e de banda deseñada, nos que participaron estudantes galegos de ensino non universitario. Despois de toda unha serie de actos previos nos centros educativos, o día 10 comezará o seu percorrido público en Santiago. Este ano incrementouse o número de entidades colaboradoras e tamén está previsto un aumento no número de participantes.