Cultura plantexase conmemorar a figura de Valle-Inclán no 70 aniversario da súa morte con actividades aínda por definir

Actualizado: jueves, 5 enero 2006 17:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura conmemorará a figura do escritor e intelectual Ramón María del Vallé-Inclán, no 70 aniversario da súa morte, para o que ten previsto citar a varias asociacións e colectivos para acordar un programa de actividades.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, participou hoxe na ofrenda floral que se realizou na tumba do escritor galego no cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela. O acto, convocado pola Fundación Valle-Inclán, contou coa participación de representanes de varias institucións e de entidades vencelladas a este autor.

O 5 de xaneiro de 1936, hai agora 70 anos, morreu en Santiago de Compostela unha das máis grandes figuras da literatura universal: don Ramón María del Valle-Inclán. Hoxe, setenta anos despois, a Fundación Valle-Inclán quixo "expresar unha vez máis a súa admiración pola súa figura convocando a entidades culturais, organismos e institucións galegas a acompañala nunha sinxela homenaxe no cemiterio compostelán de Boisaca".

Pola súa banda, co gallo deste 70 aniversario, a Consellería de Cultura quere establecer un programa de actividades para conmemorar ao longo deste ano a figura do escritor. Previamente, desenvolverá unha xuntanza para potenciar e coordinar os esforzos da administración e diversas entidades e colectivos a hora de organizar os actos. Os convidados a esta xuntanza serán a Fundación Valle-Inclán, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a Casa-Museo O Cuadrante de Vilanova de Arousa, a Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Amigos Valle-Inclán e a Deputación de Pontevedra.