Cultura primará as creacións maioritariamente galegas nos 4,75 millóns que destinará en axudas á produción audiovisual

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 23 mayo 2006 21:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 May. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura priorizará a rodaxe en galego e a participación de capital e de recursos técnicos e humanos galegos no reparto dos 4.750.000 euros que destinará para promover o tecido audiovisual propio, no que aspira a garantir que as axudas á produción sirvan para reforzar de forma real e efectiva a industria.

Así, as subvencións á producións e coproducións audiovisuais publicadas hoxe no DOG priman as creacións maioritariamente galegas, con obxectivo de evitar que os esforzos dirixidos á produción non revertan no fortalecemento do tecido audiovisual galego.

Por elo, a principal novidade desta convocatoria radica en que a consellería apoiará "de forma máis decidida" os produtos nos que a participación galega sexa maioritaria e, para elo, a convocatoria distingue dúas modalidades de proxectos, os que son maioritariamente galegos e nos que a presenza galega é minoritaria.

Para acadar a cualificación de maioritariamente galega, a produción ou coprodución deberá contar cunha presenza maioritaria galega de capital ou de equipos técnicos, artísticos e empresas de servizos. Esta participación defínese nun 51 por cento no caso de producións integramente galegas ou en coproducións bipartitas ou paritarias; 34 por cento en coproducións tripartitas e 26 por cento en cuadripartitas.

POTENCIACIÓN DO IDIOMA

Para potenciar a utilización do idioma propio, o que na práctica suporá o emprego de recursos galegos, tamén entrarán nesta categoría as creacións gravadas orixinariamente en galego.

Pola súa banda, as producións ou coproducións minoritariamente galegas serán aquelas que, tendo un límite do 10 por cento de participación galega, non acaden as porcentaxes anteriores.

A convocatoria inclúe axudas para longametraxes de ficción, películas para televisión, longametraxes de animación, longametraxes documentais, documentais de creación, documentais de difusión cultural (cultura e patrimonio galegos e memoria histórica), capítulos piloto de series de animación e contidos interactivos.

Para as producións e coproducións maioritariamente galegas as axudas van, segundo o tipo de proxectos, desde un máximo de 50.00 euros a un máximo de 400.000, correspondente ás longametraxes de animación. As longametraxes de ficción poden acadar ata 300.000 euros, aos que lles hai que engadir 20.000 euros máis se están gravadas en galego. En todo caso, todas as obras subvencionadas deberán contar cunha copia en galego, sexa orixinal ou non.

Os proxectos con presenza galega minoritaria poden obter ata un 30 por cento da participación galega. Con todo, o máximo poderá variar no caso de proxectos excepcionais que poidan ser de interese estratéxico para Galicia.

OUTRAS NOVIDADES

Ademais, outra novidade é que, por primeira vez, adiantarase ata un 40 por cento das axudas concedidas. Deste xeito, téntase evitar que as produtoras se vexan obrigadas a empeñarse para poder iniciar a gravación dunha idea que xa recibiu o visto bo da administración.

Un segundo aspecto novidoso é que para reforzar a experiencia dos profesionais e a súa presenza activa no mercado, as empresas que reciban axudas de Cultura deberán incorporar como traballadores en prácticas alunos ou graduados en centros de estudos audiovisuais. Estes profesionais novos deberán incorporarse aos equipos de produción para realizar tarefas que lles permiten mellorar a súa aprendizaxe e facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

Por último, as subvencións concederanse por un período de tres anos. Un horizonte de tres anos supón unha marxe realista para levar a cabo un proxecto audiovisual, evitando premuras.

Contenido patrocinado