A Deputación de Pontevedra recadou 49 millóns de euros dos tributos locais de 51 concellos da provincia

Actualizado: sábado, 11 marzo 2006 15:03

PONTEVEDRA 11, (EUROPA PRESS)

A Deputación de Pontevedra ingresou o pasado ano a cantidade de 42,9 millóns de euros en recadación voluntaria e 6,1 millóns en executiva, de tributos locais dos 51 concellos adheridos ao seu Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL).

O ORAL é un órgano dependente da Deputación que presta servicios de cooperación e asistencia aos concellos da provincia en asuntos de recadación e xestión tributaria e catastral, información e defensa xurídica. Os concellos que teñen delegadas as súas competencias neste servicio son 51 para Xestión Tributaria e 30 para Xestión Catastral.

Para desenvolver estas funcións, o ORAL dispón dunha oficina central en Pontevedra e 13 oficinas periféricas en vilas como Vilagarcía, Lalín, A Estrada ou Porriño. O ORAL adiántalles aos concellos os ingresos ao seu cargo de Recadación, a través de anticipos mensuais, nunha cifra que en total acada o 100% do cobrado no exercicio anterior. O ano pasado, os adiantos aos concellos ascenderos a 3 millóns de euros ao mes.

No 2005 a recadación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) dos concellos supuxo 20,9 millóns de euros, o que supón un 85,9 por cento do padrón, e un 88,9 por cento se se inclúen os cargos ingresados có 5 por cento de recargo antes de notificar o apremio. A recadación do Imposto de Actividades Económicas (IAE) supuxo 4,9 millóns (92 por cento); a do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica 10,1 millóns (79,5 por cento e 84 por cento se se inclúe o recargo); e a de Taxas, que supuxo 6,8 millóns (82 por cento).

En Recadación Executiva, a Deputación ingresou 6,1 millóns de euros que foron xa liquidados aos concellos. A porcentaxe de cobros en Executiva sitúase en torno ó 70 por cento e esta cantidade vai en aumento cada ano. Para o cobro en Executiva, o ORAL utiliza medios propios e os de administracións como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social, así como a través de entidades bancarias. Os resultados da recadación en Executiva fóronse superando por décimo ano consecutivo.