A editorial Kalandraka edita a primeira colección de ópera en galego para nenos con obras de Mozart e Verdi

Actualizado: viernes, 26 mayo 2006 13:33

PONTEVEDRA, 26 May. (EUROPA PRESS) -

Kalandraka Editora vén de publicar a primeira colección de ópera en galego para nenos como colofón ao mes das Letras Galegas, con 'Aida', de Giusseppe Verdi, e 'A frauta máxica', de Mozart, como primeiros títulos e aproveitando o ano no que se conmemora o 250 aniversario do nacemento do compositor austríaco.

Cada libro contén un CD con fragmentos das obras musicais, unha adaptación do libreto con ilustracións realizadas por Jordi Bulbena e Josep María Rius 'Joma', respectivamente, así como unha breve biografía de cada autor.

Trátase dunha aposta que dende a editorial galega consideran novidosa no mercado editorial infantil e xuvenil, á que se engade o valor pedagóxico desta colección como canle para achegar aos lectores máis novos un xénero artístico co que teñen escaso contacto a idades temperás.

Kalandraka xa tiña publicados outros libros musicais a través da colección 'Sondeconto', unha serie de álbumes nos que colaborou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Recentemente ampliárase o catálogo cunha obra na que se interpretaba música de jazz. A publicación de "Aida" e "A frauta máxica" en galego -e simultáneamente tamén en portugués- é froito do traballo conxunto coa editorial catalana Hipótesi, especializada en libros de ópera.

NOVIDADES ESTIVAIS

Outra das novidades que Kalandraka presenta ao remate do mes de maio é o álbume titulado 'A banda de Vilacendoi', escrito e ilustrado por Xulio Gayoso. Este mestre de Lugo afincado en Cambados conta a historia real dunha agrupación musical que existiu nunha aldea lucense á que o autor estivo vencellado na súa nenez. O libro presentarase no Centro Comarcal do Salnés o vindeiro mércores 31 de maio e ao día seguinte na Biblioteca Municipal de Frigsa (Lugo).

Outra autora galega que Kalandraka tamén promociona neste mes das Letras Galegas é Paula Carballeira, que acaba de publicar o libro de relatos titulado "Smara", con ilustracións de Carole Hénaff. Está ambientado nos campamentos de refuxiados saharauis que a propia Paula Carballeira visitou no 2000 como integrante da Expedición Sahariza.