Educación aumenta un 60% a oferta de prazas e títulos dos ciclos formativos que se obterán este curso con probas libres

Actualizado: miércoles, 22 febrero 2006 21:00

A consellería convoca este tipo de exames por primeira vez para cinco ciclos formativos de grao medio e un de grao superior

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte, probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional de varios ciclos formativos neste curso 2005-2006, cun incremento dun 60% das prazas e os títulos de ciclos formativos que se obteñen mediante estes exames.

Deste xeito, convócanse por primeira vez probas libres aos ciclos formativos de electromecánica de vehículos; servizos de restaurante e bar; perrucaría; atención sociosanitaria; e montaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e produción de calor. Ademais, ofértase tamén o ciclo superior de audioprótese. Os aspirantes poderán acreditar experiencia laboral ou calquera outro tipo de formación para validar os módulos dos que consta cada ciclo formativo.

Deste xeito, ratifícase o compromiso da Administración educativa co fomento da formación ao longo da vida, ao tempo que se motivan futuras aprendizaxes a través de vías formativas que se adapten ás situacións persoais e profesionais dos cidadáns. Ademais, o Plan Galego de FP contempla entre as súas finalidades, posibilitar o recoñecemento académico, profesional, laboral e social mediante a práctica laboral, a formación e as disintas oportunidades de aprendizaxe.

A proposta de probas libres neste curso incrementa e completa a do pasado na que se ofertaron só 100 prazas repartidas en catro ciclos de grao medio. Deste xeito, neste curso 2005-2006 ofértanse 250 postos, 25 por cada un dos ciclos formativos.

Os aspirantes realizarán as probas de acabados de construción no IES Porta da Auga de Ribadeo; de equipos e instalacións electrotécnicas no IES Nº1 Politécnico de Vigo; de cociña no IES Paseo das Pontes de A Coruña; de Electromecánica de vehículos no IES de Fene; de montaxe e mantementos de instalacións de frío, climatizacións e produción de calor e de carrozaría no IES Coroso de Ribeira; de servizos de restaurante e bar no IES Compostela de Santiago; de perrucaría no IES Someso de A Coruña; e de atención sociosanitaria e de audioprótexe no IES Ánxel Casal, en Monte Alto (A Coruña).

O curso 2004-2005 foi o primeiro no que se convocaron este tipo de probas. Estes exames realizáronse en catro ciclos formativos de grao medio: acabados de construción, pertencente á familia profesional de edificación e obra civil; cociña da familia de hostalería e turismo; carrozaría da de mantemento de vehículos autopropulsados; e equipos e instalacións electrotécnicas, da familia profesional de electricidade e electrónica.

A Administración educativa pretende, coa realización destas probas, comprobar que os aspirantes "acadaron as distintas capacidades terminais elementais e competencias profesionais de cada un dos módulos profesionais que compoñen o ciclo formativo".

A "aprendizaxe permanente como principio básico do sistema de formación profesional" é un dos eixes ao redor do que xiran estas probas que permiten, ao mesmo tempo, que calquera cidadán adquira, realice, complete ou amplíe as súas cualificacións profesionais.

REQUISITOS

Os interesados deberán ter 18 anos no caso dos ciclos de grao medio e 20 nos de grao superior. Ademais, deberán acreditar, entre outros requisitos, unha experiencia laboral efectiva de, polo menos, dous anos relacionada co sector produtivo do ciclo ao que pertence o módulo do que pretende o recoñecemento.

A matrícula poderase realizar para un ciclo formativo completo ou para algúns dos módulos que o compoñen. A Consellería de Educación, a través da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, será a encargada de coordinar a elaboración destas probas. Segundo a orde que regula esta convocatoria, confeccionarase unha proba por cada un dos módulos profesionais que compoñen os ciclos formativos excepto no caso do módulo de formación en centros de traballo. As probas incluirán contidos teóricos e prácticos.

Os interesados en participar nestas probas deberán presentar as súas solicitudes nos centros nos que vaian a realizar os exames no período comprendido entre o 1 e o 20 de marzo.

A relación provisional de admitidos publicarase nos taboleiros de anuncios dos centros no que se realicen as probas antes 29 de marzo e a definitiva farase pública o 7 de abril. As probas realizaranse segundo o calendario que se publique nos propios centros.

A Administración educativa participou no curso 2003-2004, xunto con outras Comunidades Autónomas, no proxecto ARA sobre avaliación, recoñecemento e acreditación da competencia profesional dos traballadores. Tomando como referencia este programa, introduciuse nas probas libres a posibilidade de que os participantes puideran validar determinados módulos acreditando coñecementos obtidos mediante a experiencia laboral ou a través das aprendizaxes non formais.