Educación investirá 160.000 euros en actividades destinadas ao profesorado, alumnado e ás familias galegas

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 27 abril 2006 20:50

SANTIAGO DE COMPOSTELA 27 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá un total de 160.000 euros en axudas económicas para a realización durante o ano 2006 de actividades de formación dirixidas ao profesorado de niveis non universitarios de Galicia e axudas económicas para a organización de actividades de formación, complementarias ao ensino regrado, dirixidas ao alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos e ás familias.

A contía das axudas, segundo as dúas convocatorias publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), establecerase en función do número de solicitudes, da adecuación dos proxectos á temática que se considere prioritaria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas, e a súa distribución farase en función dunha programación anual de actividades, tendo en conta criterios como calidade, número de horas reais de docencia e número de asistentes.

A primeira das convocatorias refírese ás axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ao profesorado de niveis non universitarios de Galicia durante o ano 2006 e organizadas polos movementos de renovación pedagóxica ou polas asociacións e fundacións con fins pedagóxicos. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 100.000 euros, e a cantidade máxima que se outorgará por movemento de renovación pedagóxica ou asociación non será superior a 10.000 euros.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as organizacións sindicais do ámbito educativo, os movementos de renovación pedagóxica e as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas e recoñecidas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir de mañá venres, 28 de abril de 2006. As solicitudes deberán ir acompañadas do programa das actividades desenvolvidas ou que se van a desenvolver e do orzamento destinado a tal fin.

As actividades ás que re refire a orde faranse en galego e financiaranse prioritariamente aquelas que fomenten o ensino en galego e que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Administración educativa galega.

Así, consideraranse como temas "prioritarios" o deseño e desenvolvemento curricular; os contidos transversais do currículo; a atención á diversidade; á atención ao alumnado inmigrante; a educación de adultos; as modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación; a xestión e organización de centros educativos; e a orientación e titoría.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

Asemade, coa finalidade de apoiar e potenciar a realización de actividades por parte das asociacións e fundacións con fins pedagóxicos, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas económicas para a organización durante o ano 2006 de actividades de formación, complementarias ao ensino regrado, e dirixidas ao alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos e ás familias.

O departamento educativo galego investirá nesta acción un importe máximo total de 60.000 euros, non podendo superar a cantidade que se concederá por asociación ou fundación os 6.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir de mañá venres, 27 de abril de 2006.

A Administración educativa galega financiará prioritariamente aquelas actividades de formación, como congresos, xornadas, cursos, olimpíadas e rallys, que versen sobre os seguintes temas: actividades relacionadas con áreas curriculares, contidos transversais do currículo, atención á diversidade e atención ao alumnado inmigrante.

Contenido patrocinado