A Egap imparte cursos de informática e idiomas para o persoal das administracións galegas

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 30 abril 2006 12:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Escola Galega de Administración Pública (Egap), organismo autónomo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, desenvolverá esta semana cursos de informática sobre a utilización e mantemento do portal web Eido Local e formación en idiomas para o personal das administracións galegas.

Así, a partir do martes a Egap impartirá unha nova edición do curso 'Eido local: Os servizos telemáticos entre a Administración Local e a Xunta de Galicia', que pretende formar aos seus participantes sobre a utilización e os contidos das zonas públicas e privadas deste portal dos concellos galegos (www.eidolocal.com) e sobre o mantemento da súa parte privada.

Segundo informou hoxe este organismo autónomo, o obxectivo desta acción formativa é" fomentar o uso de internet como vía de comunicación entre as administracións e os cidadáns para que todas as tramitacións e comunicacións poidan realizarse telematicamente". O programa está dirixido ao persoal ao servizo das corporacións locais galegas, e ten unha extensión de dez horas, das que dúas serán teóricas e oito, prácticas. Ademais, continúan os cursos on-line sobre folla de cálculo e procesadores de texto, coas súas titorías telemáticas.

Doutra banda, a Egap acollerá esta semana na súa sede varios cursos de idiomas, así coma un curso de conceptos xerais e ferramentas de calidade e outro de información e atención ao cidadán. Tamén continuará cos seus cursos de linguaxe administrativa galega, que se impartirán estes días en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol, Carballo, Becerreá, Ribeira e Pontevedra.

Por último, o Servizo de Formación do Persoal da Administración Autonómica realizará unha serie de cursos de formación continua. Entre os temas que tratarán se atopan a redacción xurídica, a informática, a prevención de riscos laborais, a normalización lingüística e a información xeográfica. Estas actividades formativas, que están abertos ao persoal funcionario e laboral, organízanse en colaboración coas consellerías para atender de maneira máis precisa as súas necesidades específicas.

Contenido patrocinado