SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jul. (EUROPA PRESS) - A Escola Universitaria de Relacións Laborais da USC, situada no Campus Sur, acollerá mañá xoves e o venres 21 as xornadas 'Os grandes retos da creación de emprego en Galicia', organizadas polo Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) en colaboración coa Escola.
O encontro conta coa colaboración e financiamento das Consellarías de Traballo e de Innovación e Industria, o Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF-Caixa Galicia) e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC.
As xornadas están concibidas como un foro aberto no que profesores da Universidade de Santiago e doutras universidades españolas, xunto con profesionais da Administración galega, discutirán e reflexionarán en torno aos principais problemas que debe afrontar o mercado de traballo galego nos próximos anos.
Así terá en conta como horizonte os obxectivos de crecemento e emprego marcados para o ano 2010 na Estratexia de Lisboa, que foron tamén adoptados polo goberno de España no Programa Nacional de Reformas aprobado en outubro de 2005.
Xunto á insuficiente creación de emprego nos últimos anos, o proceso de modernización do mercado de traballo en Galicia ten posto de manifesto, segundo os organizadores do evento, "a existencia de novos problemas derivados do seu funcionamento que supón retos a superar".
Estes problemas, como a sinistralidade laboral, a precariedade no emprego, o emprego irregular e, "de maneira non menos importante, a discriminación laboral e salarial de determinados colectivos, singularmente, as mulleres, os traballadores maiores e as persoas con algún tipo de discapacidade" non teñen sido "suficientemente estudados", segundo a organización dende o ámbito da teoría económica, polo que estas xornadas tentan ser unha primeira aproximación aos mesmos a través dunha análise tanto teórica como empírica.
As xornadas están estruturadas ao redor de cinco áreas de debate que, durante os dous días de celebración, abordarán os distintos retos que debe afrontar o mercado de traballo galego. Así, a xornada deste xoves comezará ás 10.00 horas coa discusión da discriminación laboral e salarial no mercado de traballo e continuará cos novos retos do mercado laboral galego.
Pola tarde tratarase a cuestión do emprego irregular e a precariedade. Unha mesa redonda o venres 21, ás 12.30 horas, baixo o título 'A Estratexia de Lisboa: obxectivos, realizacións e tarefas pendentes' servirá para avaliar as principais conclusións presentadas e promover novas investigacións.