Investigadores da Universidade de Santiago elaboran un atlas da entoación do territorio galego

Actualizado: lunes, 30 enero 2006 15:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Ene. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de investigadores do Instituto da Lingua Galega -ILG-, o centro de investigación lingüística da Universidade de Santiago (USC), están a facer un estudo sobre os modelos entoativos no galego actual.

O proxecto está coordinado polo Centro de Dialectoloxía da Universidade francesa de Grenoble e encádrase no proxecto europeo AMPER, centrado no desenvolvemento dun atlas multimedia dos países nos que se falan linguas románicas.

Nun comunicado, un dos investigadores principais, o profesor Manuel González González, explicou que a finalidade do proxecto AMPER é estudar os modelos entoativos que existen en cada parte do territorio das linguas románicas. Así, salientou que existen diferenzas "notables" na entoación dunhas linguas a outras, pero tamén as hai dentro do territorio no que se fala unha mesma lingua.

"Todo o mundo sabe, por exemplo, que para facer unha pregunta en galego utilízase unha entoación distinta da do castelán", afirmou o profesor. Ademáis, apuntou que este estudo é pioneiro porque a "prosodia é a parte da fonética menos estudada en tódalas linguas".

Un dos principais problemas que se lles atribúe aos conversores automáticos de texto a voz é que teñen unha fala mecanizada, pouco natural. O investigador da Universidade de Santiago sinala que unha das razóns desta falta de naturalidade deriva de que a maioría destes sistemas están construídos cunha entoación plana, é dicir, que falta a modulación da voz humana.

Os resultados deste proxecto poderán aplicarse á síntese de voz, en concreto á Cotovía, un sistema de conversión texto-voz bilingüe para galego e castelán, que desenvolveu un equipo interdisciplinar integrado por enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e lingüistas da Universidade de Santiago; dirixidos polo profesor Manuel González, dentro do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

APLICACIÓNS

O profesor Manuel González indicou que os estudos lingüísticos de síntese de voz comezaron cunha finalidade científica de "interese moi restrinxido na súa orixe". "A grande eclosión da investigación e da construción de sistemas nos que participa a síntese de voz, aos que neste momento se lles están dedicando grandes investimentos e grandes esforzos, veu provocada pola necesidade da automatización das comunicacións e da transmisión de información", afirmou.

Os investigadores da Universidade de Santiago están a iniciar o proxecto de estudo dos modelos de entoación que existen en Galicia. Polo de agora só teñen analizado as enquisas correspondentes á zona de Santiago. As enquisas baséanse na lectura de textos e en conversas espontáneas ou inducidas. Ao equipo de lingüistas interésalle que aparezan tódalas modalidades entoativas que pode ter un enunciado.