Investigadores do 'Ramón Piñeiro' presentan os novos modelos de avaliación do galego nun congreso internacional

Actualizado: viernes, 31 marzo 2006 18:38

Propoñen avaliar comprensión, expresión oral e expresión, nunha proba que Política Lingüística prevé poñer en marcha o ano que vén

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Mar. (EUROPA PRESS) -

Membros do equipo de traballo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que elabora as probas de coñecementos de galego presentaron hoxe en Madrid as novas probas deseñadas para avaliar os coñecementos de lingua galega, informou a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As investigadoras Pilar Concheiro e Cristina Suárez desenvolveron unha ponencia sobre o CELGA 1 (Certificado de Coñecemento de Lingua Galega), no marco do XXIV Congreso da Asociación Española de Lingüística Aplicada.

No marco do devandito congreso, Cristina Suárez explicou que o equipo do proxecto de investigación para a avaliación e aprendizaxe de galego traballa dende hai dous anos na adaptación do sistema de acreditación de coñecementos da nosa lingua ao marco común europeo de referencia.

A finais do ano pasado conseguiu o ingreso da Xunta de Galicia na asociación ALTE, que integra na actualidade 33 membros en representación de 26 linguas europeas. Dende esta entidade unifícanse os criterios para establecer niveis comúns de coñecemento co fin de promover o recoñecemento transnacional de certificacións.

Existen seis niveis de coñecemento establecidos. O modelo de exame proposto polo grupo do Ramón Piñeiro foi o denominado A2, correspondente a un coñecemento inicial da lingua.

CONTIDO DO EXAME

A profesora Suárez explicou que se elixiu este nivel "porque o galego debe enfrontarse a retos relativamente novos, como a difusión da lingua e da cultura no exterior, e tamén debe darlles resposta aos inmigrantes e aos fillos de emigrantes que retornan, un novo colectivo social que medra cada ano".

Pola súa banda, Pilar Concheiro expuxo o contido do exame, dividido en catro partes. Comprensión, expresión oral e expresión escrita son as habilidades que se avalían na proba. A comprensión de lectura e a expresión escrita valóranse cada unha delas co 20 por cento do total, mentras que a comprensión e a expresión orais representan cada unha o 30 por cento do valor total da proba.

O obxectivo da Secretaría Xeral de Política Lingüística é poñer a funcionar este sistema de acreditación a partir do ano que vén. Na actualidade xa se traballa na elaboración do resto dos modelos de exames.