Les Musiciens du Louvre actúa hoxe en Santiago no marco do Festival Vía Stellae cun repertorio de Haydn

Actualizado: domingo, 16 julio 2006 12:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Jul. (EUROPA PRESS) -

A orquesta francesa Les Musiciens du Louvre actuará hoxe en Santiago de Compostela dentro do Festival Vía Stellae, no que interpretarán tres sinfonías do periodo londinense de Haydn.

O conxunto estará dirixido polo seu fundador, Marc Minkowski, que tras moitos anos adicado exclusivamente á música barroca foi ampliando o seu repertorio cara á ópera e outros periodos musicais.

Na xornada de onte foi a Venice Baroque Orchestra a que interpretou unha escolma das mellores pezas musicais do barroco veneciano na gala 'Unha noite en Venecia', con obras de Antonio Vivaldi, Baldassare Galuppi, Benedetto Marcello e e Tomaso Albinioni.

Este festival, que inclúe 16 concertos en Compostela tamén ten programados outros nas diversas vilas e cidades dos distintos Camiños de Santiago. No caso da Vía da Prata, ademais do que se celebrou o mércores en Ourense, terán lugar outros tres ata o 27 de xullo.

Así, o novo Auditorio Municipal de Ourense acollerá o vindeiro mércores a Camerata Quiodi, que interpretará un programa adicado á música composta por Mozart para conmemoracións e celebracións especiais.