SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 May. (EUROPA PRESS) -
O PPdeG acusou hoxe á Xunta de "atentar contra o recoñecemento e promoción da cultura galega" con decisións coma a de eliminar o Premio das Artes e das Letras, creado en 1994 polo Goberno anterior para homenaxear cada ano no Día das Letras Galegas a traxectoria de persoas que dedicaron gran parte da súa actividade a este obxectivo.
Nun comunicado, o PPdeG recordou o decreto promulgado polo bipartito que suprimiu este galardón xurdido para recoñecer e recompensar os méritos dos que impulsaron as letras e as artes en calquera das súas múltiples manifestacións, "con resultado de engrandecemento e afirmación dos valores culturais de Galicia".
Así, acusou o actual Goberno de eliminar ese premio por non consideralo acorde coa "nova época de normalización cultural" que, a xuízo dos populares, realmente consiste "na eliminación de todo o que ten que ver con Galicia". "Así o fixo ao eliminar o Ballet Galego Rey de Viana e así o segue a facer ao suprimir un recoñecemento de prestixio dirixido a honrar aos persoeiros máis sobranceiros da cultura galega", engadiron.
O voceiro de Cultura do Grupo Popular, Ignacio López-Chaves Castro, recordou que a resolución deste premio se producía no acto institucional do Día das Letras Galegas do 17 de maio e, por iso, denunciou á Xunta por "tentar esmorecer" esta data eliminando un galardón "de recoñecido prestixio". "O Día das Letras Galegas é de Galicia, non do Goberno da Xunta que non é quen para deslucir esta data", sentenciou. Desde a súa creación, esta iniciativa recoñeceu personalidades do galeguismo coma Antonio Fraguas Fraguas, José Filgueira Valverde, Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell ou Isaac Díaz Pardo, entre outros.