Letras Galegas.- Villares e Adán participarán en Bruxelas nas actividades organizadas pola Fundación Galicia Eurpa

Actualizado: lunes, 15 mayo 2006 18:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 May. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Galicia Europa en Bruxelas súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha programación de actos para achegar a lingua, a literatura e a cultura galega á capital belga neste día de conmemoración, dedicado este ano ao histórico galeguista Manuel Lugrís Freire. Nestes actos está prevista a participación do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e da secretaria xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta, Carme Adán.

Así, dentro das actividades organizadas, para a xornada do 17 de maio destaca a conferencia que Ramón Villares pronunciará na sede do Instituto Cervantes de Bruxelas para achegar aos cidadáns europeos algunhas "Reflexións sobre a Galicia actual".

Ramón Villares tamén será o encargado de impartir o Seminario sobre Galicia, dentro do ciclo de conferencias para os profesores belgas de que ensinan idioma español, organizado de xeito conxunto coa Consellería de Educación da Embaixada de España en Bruxelas e a Fundación Galicia Europa.

Este encontro terá lugar ao longo da tarde na sede da Fundación e nel se abordará a realidade de Galicia como unha cultura de Occidente a través da súa unidade e diversidade no espazo, os xeitos de asentamento sobre o territorio, a relación coa cultura europea románica, o esplendor barroco, o papel dos pazos e mosteiros, o rexurdimento cultural e afirmación rexional ata chegar á época autonómica actual.

LIBRO

Este mesmo día, a secretaria xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta, Carme Adán, presentará o libro 'Polifonías', nun acto que se celebrará na Librería Orfeu de Bruxelas. Esta obra, editada pola Xunta de Galicia, recolle versos de poetas galegas contra a violencia de xénero.

Contra o final da xornada, terá lugar unha cea-coloquio á que asistirán a secretaria xeral de Igualdade e mailo Presidente do Consello da Cultura Galega. Este encontro estará aberto ao público que queira participar, previa confirmación da súa asistencia.

A programación de actos para celebrar o Día das Letras Galegas en Bruxelas comezou o pasado venres coa ponencia da profesora Pilar García Negro "A lingua galega, elemento esencial do ser galego", na Librería Orfeu, na capital belga.

A Fundación Galicia Europa traballa dende hai nove anos para contribuír á formación europea de mozos e profesionais galegos, difundir información de interese para a sociedade galega sobre a Unión Europea, canalizar a xestión de intereses galegos en Europa e promover a cultura e a economía da nosa Comunidade Autónoma no ámbito europeo. Trátase de apoiar o desenvolvemento e a proxección exterior de Galicia en todos nos diversos ámbitos, nos que a cultura é un elemento prioritario.