Marisol López ve necesaria unha nova formación sobre o galego e avoga por "reforzar a idea de que é unha lingua útil"

Actualizado: martes, 7 marzo 2006 18:04

Política Lingüística propicia unha xornada de traballo en Santiago para que 400 profesores de lingua galega poidan ampliar información

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, defendeu hoxe a necesidade dunha nova formación sobre o galego e apelou á profesionalidade dos formadores para contribuír á consideración do idioma propio de Galicia "como unha lingua útil e moderna"

Arredor de 400 profesores que imparten cursos de formación en lingua galega asistiron hoxe en Santiago á I Xornada Informativa para o Profesorado de Lingua Galega para Adultos, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que se desenvolveu na Facultade de Ciencias Económicas.

Marisol López abriu a xornada destacando os cambios producidos nas necesidades formativas en lingua galega nos últimos anos. Na actualidade, segundo dixo, cómpre insistir máis nos aspectos orais e, sobre todo, en "reforzar á idea de que a nosa lingua é unha lingua útil e moderna".

Insistiu en que trátase dunha lingua "coa que nos debemos sentir identificados, a que nos vai permitir expresar os nosos sentimentos, en definitiva, a que nos permitirá vivir en galego".

ACREDITACIÓN LINGÜÍSTICA

A partir do ano que vén vanse producir cambios notables no sistema de acreditación lingüística, cando os cursos de galego se adapten ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas a través da entrada da Xunta de Galicia na asociación ALTE (Association of Language Testers in Europe).

Neste contexto, Marisol López demandou hoxe o esforzo dos profesores para contribuír a presitixiar a nosa lingua, porque "con este ou con calquera outro programa a vosa profesionalidade é un dos factores máis importantes". Engadiu que a programación deste ano ten a flexibilidade suficiente para que se poida adecuar aos diferentes grupos, aos seus coñecementos e ás súas necesidades.

Entre as novidades que se incorporan nesta edición está a elaboración dun control de calidade externo dos cursos a través de auditorías que avaliarán o seu nivel cualitativo a través de enquisas ao alumnado e valoración do material e das instalacións docentes.

Durante a xornada presentouse o novo marco para a formación de adultos, sobre o que xa se está traballando trala entrada da Xunta na asociación ALTE. Esta establece seis niveis de aptitude lingüística, cada un deles definido a patir das destrezas comprensivas e produtivas demostradas en canto a comprensión lectora, expresión escrita, comprensión auditiva e expresión oral.

Este sistema de acreditación vai substituír ao actual modelo de iniciación e perfeccionamento, ao ter ten recoñecemento internacional e permitir unha avaliación moito máis eficaz do coñecemento da lingua.

NIVEIS FORMATIVOS

Outro dos asuntos que centrou a xornada foi a necesidade de responder ás expectativas dun alumnado moi diverso e heteroxéneo con niveis formativos, necesidades e actitudes difererentes, de aí a necesidade de coordinación en canto a contidos, obxectivos e mesmo metodoloxía.

Por último, o profesor de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago Agustín Godás Otero ofreceu unha charla sobre 'O grupo como mediador na práctica docente', na que ofreceu unha serie de consideracións sobre as relacións interpersoais dentro da aula e unha estratexia xeral para melloralas e para facilitar a aprendizaxe de novos coñecementos.