A obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas está dispoñible na web do Centro 'Ramón Piñeiro'

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 28 abril 2006 17:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ofrece na súa web (www.cirp.es) traballos feitos por Manuel Lugrís Freire, o autor ao que este ano a Real Academia Galega rendirá homenaxe o 17 de maio, Día das Letras galegas.

Así, na rede está a disposición de todos os interesados dúas obras que nos presentan o traballo xornalístico feito en Cuba por Lugrís e a súa obra narrativa. Nos dous casos pódense baixar íntegras en formato PDF.

'A Gaita Gallega' (A Habana, 1885-1889) ocupa por dereito propio un posto de privilexio no terreo da prensa galega da emigración en xeral e de Cuba en particular, salientou hoxe a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Dirixida por Ramón Armada Teixeiro e Manuel Lugrís Freire, esta publicación promoveu o emprego exclusivo da lingua galega en todas as súas páxinas, contou con numerosos e ilustres colaboradores e fixo de Galicia --do seu pobo, da súa cultura e da súa lingua-- o obxecto de todas as súas páxinas. Esta reedición, que en 1999 dirixiu Luís Alonso Girgado con colaboracións eruditas de investigadores galegos e cubanos, chega agora na súa integridade a todo o mundo.

A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire é unha edición anotada da novela curta 'O penedo do crime' e dos máis de cincuenta relatos escritos a finais do século XIX e comezos do XX, que o autor foi publicando en diversos xornais e revistas daquela época coas sinaturas Asieumedre, L.U. Gris, K. Ñoto e Roque das Mariñas. Preparou esta edición Xabier Campos Villar dentro do proxecto de Narrativa recuperada que dirixe Modesto Hermida García.

Contenido patrocinado