SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Ago. (EUROPA PRESS) -
A Concellaría de Promoción Económica de Santiago, en colaboración con dous entidades comerciais da cidade, pon en marcha desde o 2 de setembro, un servizo de atención e coidado para os fillos dos clientes que fagan as súas compras nos comercios da cidade e que estará funcionando os sábados.
O servizo está pensado para atender a nenos de entre tres e dez anos, e dispón dun aforo máximo de 30 usuarios. Con esta iniciativa, que leva o lema de 'Comercio compostelán, para mercar e xogar', o que se procura é que os pais poderán visitar tranquilamente os establecementos mentres os rapaces xogan e se divirten baixo a supervisión de coidadoras especializadas en atención á infancia.
O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou hoxe esta iniciativa novidosa, aindia que suxeita a modificacións para mellorala, nun acto no que estivo acompañado polo presidente de Compostela Monumental, José Manuel Bello, e polo presidente da Fundación Santiago Centro Área Comercial, José María Fernández.
Iglesias expresou hoxe a súa confianza en que "esta idea frutifique, que sexan moitos os composteláns e as compostelás que fagan uso do centro de atención, e que as 30 prazas para as que está previsto inicialmente se queden curtas axiña".
Inicialmente, o servizo funcionará os sábados, en horario de mañá (de 11.00 a 14.00 horas) e de tarde (de 17.00 a 20.00 horas), e estará localizado no Pazo de Bendaña (Praza do Toural), de maneira que resulte igualmente cómodo para os clientes que realizan as súas compras tanto no Ensanche coma no Casco Histórico.
Durante a época de Nadal, o servizo amplíase a todos os días da semana, dende o 22 de decembro ata finais de ano, agás os días 24, 25 e 31, co fin de facilitar a compra nestes días de maior actividade comercial. O día 22 de setembro o servizo trasladarase á sede da Federación Itaca de Animación Sociocultural (Rúa do Pombal, 18-baixo), debido á celebración dunha exposición no Pazo de Bendaña.
BONOS
Para acceder a este servizo, os clientes dos comercios recibirán un bono por cada compra superior a cinco euros, e cinco bonos por cada compra superior a vintecinco euros. "Polo prezo dunha prenda de roupa ou dun bo libro, os clientes poderán gozar dunha tranquila mañá (ou tarde) de compras, mentres os rapaces xogan e se divirten con outros cativos e ao coidado de persoas especializadas", apuntou Xosé Manuel Iglesias.
Entregando cinco bonos na entrada do espazo de coidado e amosando os comprobantes de compra correspondentes, os pais poderán deixar aos nenos ao coidado das persoas encargadas do servizo mentres realizan as súas compras comodamente.
Os comercios asociados a Compostela Monumental e Santiago Centro, entidades colaboradoras nesta iniciativa, están xa dende hai días facendo entrega dos correspondentes bonos aos seus clientes.
Segundo o concelleiro, está é "unha iniciativa interesante, que vai en beneficio das nenas e nenos, que disporán dun espazo lúdico en contacto con outros rapaces e acorde coas súas necesidades, pero sobre todo dos clientes dos comercios composteláns, que poderán así realizar as súas compras con máis tranquilidade e gozar dun ocio de maior calidade".
Ademais, este servizo vai na liña marcada polo departamento municipal de converter a Santiago no destino para as súas compras non só dos composteláns, senón dos veciños da súa ampla área de influencia, e en referencia comercial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.