Os gravados de Dalí sobre a 'Divina comedia' combinan o anuncio do Renacemento co "propio mundo" do autor

A serie de 100 pezas foi adquirida o pasado mes de xuño por Caixanova e exponse en Vigo ata outubro

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 5 septiembre 2007 18:11

VIGO, 5 Sep. (EUROPA PRESS) -

O experto en Dalí Ricard Mas presentou hoxe en Vigo os 100 gravados de Dalí sobre a 'Divina Comedia', recentemente adquiridos por Caixanova, e explicou que esta colección supón unha "interpretación do anuncio do Renacemento" a través da visión do seu propio mundo", posto que ilustra a obra do poeta Dante Alighieri aínda que achegando "o seu propio paraíso, purgatorio e inferno".

Mas salientou que esta obra, que se expón en Vigo a partir de hoxe, supón unha "oportunidade única" de ver uns dos escritores máis importantes da literatura universal, que fixo un relato da sociedade da súa época a partir dunha viaxe "detrás da verdade, a súa amada Beatriz". Engadiu que, ademais, o percorrido polas tres esferas do inferno, purgatorio e paraíso "se realiza a través das fibras íntimas da alma de Dalí", artista que cualificou de "pallaso" á vez que "xenio".

Así, este especialista apuntou que nos 100 gravados, Dalí non ilustra tanto a Dante na súa viaxe senón que máis ben "dende a frase: todo me inflúe, nada me cambia"

En canto á etapa artística do pintor catalán, que realizou os gravados da serie entre 1960 e 1964, destacou un momento de "cambio moi importante no que abandona o surrealismo e adopta novas teorías físicas". Así, referiuse a un novo Dalí "místico" que volve os seus ollos a Deus, aínda que "quere e non pode" e un Dalí "atómico" fascinado pola física, pero que tamén cree en teorías renacentistas como a sección de ouro.

Segundo aclarou, todos estes aspectos do pintor "conflúen" nas 100 obras adquiridas por Caixanova, e que se expoñen dende hoxe e ata o 7 de outubro no Centro Social da cidade olívica. Por iso, afirmou que, só con visitala, os que acudan a contemplar a mostra "poderán fabricarse un auténtico dicionario daliniano".

HISTORIA

Esta colección de 100 gravados foi encargada a Dalí polo Parlamento italiano, para realizar unha publicación con motivo da conmemoración do aniversario do poeta. Porén, tras presións de comunistas e da dereita, a pesar de que se pagou o encargo, polo que Dalí cobrou 20 millóns de liras, o libro nunca se chegou a realizar.

No entanto, o artista catalán conseguiu posteriormente, en 1961, que un profesional francés lanzase unha edición, en madeira de buxo, pola que o pintor volveu cobrar.

Estas 100 xilografías foron adquiridas o pasado mes de xuño por Caixanova, polo que pasaron a formar parte da colección de gravados da entidade financeira que, segundo explicou o seu director de Obras Sociais, Guillermo Brea, "supera os 1.000 fondos". Así mesmo, Brea afirmou que a intención da caixa é a de "divulgar a arte" polo que a mostra, unha vez remate en Vigo, tomará un carácter itinerante e terá en Bos Aires (Arxentina) o seu próximo destino.

Contenido patrocinado