Os internautas interesados pola lingua galega poden consultar dende hoxe un manual de referencia básica no portal 'Loia'

Sánchez Piñón destaca o "atractivo e moderno" do sitio web e apunta que supón unha mostra "do que se pode facer entre todos"

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 27 julio 2006 14:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Cultura Galega (CCG) ofrece dende hoxe a todos os internautas interesados polo idioma galego un manual de referencia básica sobre esta lingua que poderán consultar de balde na rede a través do portal www.loia.org.

O portal funcionará como guía que presenta de maneira interactiva en galego, castelán e inglés os elementos fundamentais para iniciarse no coñecemento do idioma, da súa traxectoria histórica, da súa produción cultural, da súa realidade social e das súas perspectivas de futuro.

Os contidos de 'Loia' estructúranse en catro áreas sobre información lingüística e gramatical básica; un breve repaso pola historia da lingua galega; unha serie de datos en táboas, mapas, brevemente explicados, que dan unha idea da situación sociolingüística de Galicia; e unha sintética listaxe de institucións, colectivos e recursos en rede que serven como referencia para o estudo, a defensa ou o cultivo do idioma galego.

Así o explicou hoxe, na rolda de prensa de presentación, o secretario do CCG e responsable da Sección de Lingua do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Henrique Monteagudo, que destacou que se trata dun sitio web "de referencia" que ofrece "información básica sobre aspectos relevantes do idioma de maneira clara, accesible e atractiva".

O portal ofrece, ademáis da versión matriz en galego, outras dúas en castelán en inglés. Polo de agora o CCG ten "apalabrado", matizou Monteagudo, tamén o deseño das versións en alemán e francés e aspira nun futuro a que, en colaboración coas cátedras de estudos galegos espalladas polo mundo, ultimar versións noutras linguas.

PÚBLICOS

Esta guía que busca difundilo idioma galego na rede está adicada a dous tipos de público. Por unha banda, aos centros de ensino como material didáctico "de grande utilidade", segundo explicou Monteagudo, tanto para escolares como para docentes.

Por outra banda, 'Loia' está pensado para os estudosos, curiosos e estudantes de fóra da comunidade galega interesados no idioma galego que desexen afondar en aspectos da lingua.

Neste senso, Monteagudo avanzou que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo unha promoción especial ao principio do curso cun folleto informativo para promocionar esta guía na rede como material didáctico nos centros escolares.

ATRACTIVO E MODERNO

A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, destacou o traballo "espectacular" realizado polo equipo da Sección de Lingua e do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do CCG, así como o "nivel de calidade" para quen se achega ao portal a aprender galego.

Nesta liña, subliñou que este proxecto é unha mostra "do que se pode facer entre todos" e apuntou que se trata de algo "atractivo e moderno". "Temos unha lingua viva e recursos modernos", manifestou a titular de Educación.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López Martínez, comentou que recursos deste tipo resultan "imprescindibles e necesarios". Ao respeito indicou que "unha das eivas do galego é a falta de recursos coa utilización das novas tecnoloxías".

A dirección do proxecto correu a cargo de Monteagudo, e do equipo redactor forman parte como coordinador Hakan Casares Berg, Susana Mayo Redondo e Rosario Pérez Magdalena; da edición é responsable Manuel Gago, e as imaxes foron dixitalizadas por Teresa Pérez. A empresa Imaxin realizou o desenvolvemento web e Xulio Sousa participou na elaboración de mapas.

Contenido patrocinado