SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Ene. (EUROPA PRESS) -
A cidade de Ourense acollerá a partir do venres, 13 de xaneiro, a exposición 'Rompendo velos. Rompendo fronteiras. Mulleres artistas do mundo islámico', na que participan 51 mulleres artistas procedentes de 22 países do mundo islámico.
A Deputación de Ourense é a promotora desta mostra, que está comisariada pola princesa Widjan Ali, presidenta da Royal Society of Fine Arts de Xordania, á que pertencen as obras.
Esta exposición, que permanecerá no Centro Cultural Deputación Ourense entre o 13 de xaneiro e 19 de febreiro de 2006, tenta "ofrecer unha nova visión da muller no mundo islámico e rachar co estereotipo existente nos países occidentais, onde se ve habitualmente á muller árabe cun velo cubrindo o seu rostro, oprimida e socialmente marxinada".
Nesta mostra, a muller musulmana reivindícase reclamando o seu dereito de cidadanía no mundo da arte e rompe así moitas das barreiras creadas pola ignorancia ou a falla de diálogo. Aparece, entón, a arte para romper fronteiras sociais e culturais, para "rachar velos".
As obras reunidas nesta mostra --que visitou Rodas, Atenas, París, Barcelona e que de Ourense viaxará a Milán-- van dende a abstracción, a figuración, arte conceptual, folclore, surrealismo ou simbolismo ate o expresionismo lírico.
Jordania, Turquía, Palestina, Kuwait, Emiratos Arabes, Arabia Saudí, Túnez, Irak, Irán, Siria, Exipto, Líbano ou Malaisia son algúns dos países representados nesta mostra que os galegos unicamente poderán ver en Ourense.
A inauguración da mostra, pervista para o venres, estará presidida polo presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar Pumar, e polo director do Museo Nacional de Belas Artes de Xordania, Dr. Khalid Khreis.