Pais e nais separados piden á Xunta que divulgue o servizo de Mediación Familiar, do que critican o actual funcionamento

Actualizado: sábado, 21 enero 2006 17:58

En Galicia prodúcense unhas 4.000 separacións ao ano, segundo as estimacións dunha asociación

PONTEVEDRA, 21 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Asociación Galega de Pais e Nais Separados presentará ante a Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Vicepresidencia da Xunta, unha solicitude para que se divulgue entre a cidadanía a existencia do servizo de Mediación Familiar. O vicepresidente deste colectivo, Abel Lamas, cualificou de "ridículo" o uso que se leva feito do mesmo dende a súa creación hai aproximadamente tres anos.

Segundo Abel Lamas, a porcentaxe de parellas en vías de separación ou divorcio que recorreron á Mediación Familiar no primeiro ano e medio foi "case nulo, de só dous casos". Asemade, engadiu que a progresión segue "a contagotas". Ademais, da devandita asociación confirma que o índice se separacións segue en aumento, cun incremento anual "entre o dez e o vinte por cento". Abel Lamas calculou que en Galicia se producen unhas 4.000 separacións ao ano.

"Hoxe en día é difícil atopar a alguén que non teña un familiar afectado directa ou indirectamente", comentou o vicepresidente da Asociación Galega de Pais e Nais Separados. "Cando un se separa hai moitas alternativas constructivas para canalizar o seu problema", afirmou Abel Lamas.

RECOLLIDA DE SINATURAS

Este colectivo instalou hoxe en Pontevedra unha mesa informativa para recoller sinaturas de adhesión ao escrito que van presentar ante a Secretaría Xeral de Igualdade, no que demandan a posta en marcha de accións orientadas a "propiciar a adopción de acordos que os membros da parella necesitan para acadar o proceso de separación evitando a vía xudicial litixiosa e presenvando o mellor interés para os menores".

Abel Lamas considerou que "a xente non sabe que existen estes mecanismos e pensan que a Mediación Familiar é para reconciliarse". Lamas lamentou que "o índice de separacións contenciosas é alto", como tamén o número de parellas rotas que fan uso dos puntos de encontro como "lugares neutrais" onde efectuar o encontro entre pais e fillos.

"A Mediación Familiar procura o mellor acordo posible", explican dende a Asociación, que defende a custodia compartida como "o exercicio conxunto" da maternidade e da paternidade, así como a práctica de "mecanismos que axuden aos nenos a adaptarse á nova situación".

Tras a súa celebración primeiro en Santiago e Pontevedra, esta campaña da Asociación Galega de Pais e Nais Separados trasladarase en próximas datas a Vigo, A Coruña e outras cidades do resto de Galicia.