Un percorrido artístico-literario por Santiago de Compostela conmemora hoxe o nacemento de Rosalía de Castro

Actualizado: martes, 21 marzo 2006 12:40

A Casa-Museo de Rosalía de Castro de Padrón celebra hoxe un acto literario

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Mar. (EUROPA PRESS) -

Recitais poéticos, actuacións musicais e espectáculos de teatro percorrerán hoxe diversos lugares de Santiago de Compostela vencellados a Rosalía de Castro para conmemorar o seu nacemento. Ten lugar así o percorrido exterior que tivo que ser suspendido a causa da choiva o pasado 24 de febreiro, día do nacemento da poetisa e das restantes actividades do programa de conmemoración.

O percorrido arrincará ás 19.00 horas da Alameda diante do instituto onde estudou e que leva o seu nome e rematará no Parque de Bonaval. En total serán 11 lugares da xeografía da cidade nos que haberá espectáculos de teatro, poesía e diversos tipos de música. Se na tarde de hoxe chove está previsto que só se celebre o acto previsto na igrexa de San Domingos de Bonaval.

Deste xeito complétase o programa de actividades de 'Rosalías', un itinerario artístico-literario co que, por primeira vez, a Consellaría de Cultura e Deporte celebra esta data para reivindicar o valor e a actualidade da súa figura. O pasado 24 de febreiro celebráronse as actividades de interior. O Centro Galego de Arte Contemporánea ateigouse de xente para presenciar un espectáculo de danza, unha actuación coral e un recital de poesía a cargo de mulleres.

Para 'Rosalías' a Consellería de Cultura tamén edita un libro para nenos e nenos con textos e ilustracións dos que se distribuirán 1.500 exemplares nos centros de ensino co fin de divulgar entre a xente nova a figura de Rosalía. A celebración do Día de Rosalía é a primeira festividade dun calendario do libro galego que se presentou recentemente e que inclúe dez datas sinaladas, un circuíto de verán da banda deseñada e as feiras do libro.

DIA MUNDIAL DA POESIA

Por outra banda, hoxe, Día Mundial da Poesía establecido pola UNESCO, terá lugar na Casa-Museo de Rosalía de Castro, a grande poeta da nosa literatura e figura importantísima da literatura universal, o primeiro acto cultural organizado en colaboración co Centro de Estudos-Casa de Camilo e a Cámara Municipal de Vilanova de Famalico, con quen a Fundación Rosalía de Castro asinou un documento de irmanamento o 10 de novembro de 2005.

O acto literario --que será introducido polo profesor Xesús Alonso Montero, director do Centro de Estudios Rosalianos e membro da Comisión Executiva da Fundación--, será unha celebración do soneto feita por sete poetas galegos que cultivan habitualmente esta forma poética: Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Salvador García-Bodaño, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Baixeras e Miro Villar.